A autovía entre Santiago e Lugo, a A-54, ten xa un carácter practicamente mítico. É unha das estrelas das campañas electorais dende hai máis de vinte anos e os gobernos de quenda ofreceron ciclicamente prazos concretos de finalización (2007, 2010 ou 2015, entre outros), mesmo cando nin sequera se comezara a mover a terra. A orixe da promesa hai que buscala en 1992, cando o daquela ministro de Obras Públicas de Felipe González, Josep Borrell, asegurou que o seu departamento estudaría a posibilidade de unir por autovía ambas cidades, separadas por apenas 100 quilómetros. Este martes, máis de dúas décadas despois, Mariano Rajoy incluíu a apertura dun tramo duns 15 quilómetros desta vía, entre Guntín e Palas de Rei, na súa carreira inaugural previa ás eleccións xerais do 20 de decembro.
Tras aquela primeira e afastada promesa de Borrell esta autovía durmiu o soño dos xustos ata finais daquela década con serias dúbidas sobre cal sería o seu trazado -diversas voces indicaban que a unión de Santiago coa A-6 por Teixeiro era un trazado máis sinxelo, barato e rápido-. En vésperas das municipais do ano Xacobeo de 1999 José María Aznar e Manuel Fraga inauguraban o que despois se confirmaría como primeiro treito da A-54, o que une a capital galega co aeroporto de Lavacolla. Cinco meses despois, o entón mozo deputado socialista José Blanco conseguía a aprobación dunha proposición non de lei no Congreso na que instaba o Executivo "á realización dun estudo informativo" sobre a infraestrutura. O PP aceptou o inicio dese estudo nese mesmo ano e comprometeuse a que, unha vez finalizado, "se proceda á contratación dos proxectos resultantes".
O proxecto lanzouno por primeira vez o Goberno do PSOE en 1992, e retomouno o de Aznar tras unha iniciativa parlamentaria de José Blanco en 1999
O gabinete de Aznar chegou a incluír a autovía no seu Plan de Infraestruturas 2000-2007, con Francisco Álvarez Cascos como titular de Fomento. Volveuna sacar pasear tras a catástrofe do Prestige, cando en xaneiro de 2003 Aznar reuniu o seu Consello de Ministros no Concello da Coruña para, con Francisco Vázquez como anfitrión, anunciar a aprobación do denominado Plan Galicia, un amplísimo paquete de obras que en 2004 herdaría o goberno de José Luís Rodríguez Zapatero sen avances significativos. A primeira titular de Fomento do novo goberno do PSOE, Magdalena Álvarez, cualificou o plan literalmente de "merda", e a prometidísima autovía seguiu nun caixón ata que, en 2009, o seu impulsor parlamentario chegou a Fomento.
Con Blanco no Ministerio a obra recobrou impulso e comezou a realizarse. Na súa etapa foron adxudicados e iniciáronse as obras de varios tramos. Entre eles estaba o que este martes abriu oficialmente Rajoy, que chega ata a vila natal do exministro e actual eurodeputado socialista, que non foi convidado á inauguración malia o costume de incluír nestes actos aos ministros que as impulsaron.
Coa inauguración deste martes quedan abertos apenas 42 quilómetros, menos da metade do trazado, que non estará rematado ata, cando menos, 2018
A deste martes é a terceira inauguración que a cúpula do PP organiza no que vai de ano na A-54, cuxo financiamento foi asumido por Ana Pastor tras un comezo de lexislatura con máis dúbidas que certezas. O pasado marzo, no último día no que as inauguracións eran legais antes das eleccións municipais, a ministra e o presidente da Xunta solemnizaban a posta en servizo de 23 quilómetros entre Nadela e Guntín, nas proximidades de Lugo, cuxa apertura, paradoxalmente, supuxo un aumento do tempo de viaxe ao incluír un pequeno desvío. O pasado setembro Pastor e Feijóo cortaban a cinta dunha ligazón con esta vía (Esperante-Vilamoure) de apenas 4 quilómetros.
Este martes, xa con Rajoy á fronte, quedaron abertos 15 quilómetros máis, o que implica que máis de dúas décadas despois do lanzamento do proxecto a A-54 ten abertos ao tráfico pouco máis de 42. As previsións máis optimistas do Fomento indican que, se non hai cambios orzamentarios ou de ritmo nas obras, a infraestrutura non estará finalizada ata 2018.