As forzas de esquerda galega van pechando os seus camiños de cara ás xerais. Logo de apelacións dun e doutro lado para a confluencia nunha única candidatura das formacións rupturistas e nacionalistas, uns e outros defínense e afástanse case de vez desa lista única. O BNG anunciou este sábado tras celebrar o seu Consello Nacional que traballa "decididamente" inserido na plataforma Iniciativa pola Unión (IxU), mentres que Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, entende que o Bloque "desbota a posibilidade de chegar a unha posición común" para as xerais porque "xa están en marcha" unhas primarias en IxU, as mesmas nas que a fronte nacionalista insta a unha participación "masiva".
O BNG aclara que traballa "decididamente" con Iniciativa pola Unión e Yolanda Díaz (EU) cre que o Bloque "desbota" chegar a "unha posición común"
Ao tempo, Compromiso por Galicia (CxG) levou a cabo unha convención na que a súa militancia decidiu que o partido non concorrese finalmente ás eleccións ás Cortes se non hai lista unitaria e que se dese liberdade aos seus membros para apoiar unha candidatura. Gañou así a opción defendida por Rafael Cuíña, alcalde de Lalín. Antes, no entanto, a forza galeguista buscará a unidade até a última hora.
Antes, Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, recoñeceu que as posibilidades de confluencia entre as dúas plataformas e os partidos que se apoian nelas estase esgotando e, malia que insistiu na "disposición de dialogar" da súa formación", destacou a necesidade "dun grupo parlamentario propio" galego e "non sucedáneos", en referencia ás declaracións de Podemos. "Non con mensaxes para construír grupos parlamentarios para garantir a unidade de España, que é o que defendeu o señor Errejón, pero si queremos sumar con todas as forzas, con todos os cidadáns que desde Galicia queren consruír unha candidatura galega para ter un grupo soberano", dixo.
CxG decide que non concorrerá ás eleccións xerais se non hai unha lista de unidade, pola que pulará ata última hora
Así, o Bloque participa con militantes a título individuais en IxU, que xa abriu o prazo de inscrición para votar nas súas primarias. Ademais, Vence dstacou que aformación traballa en diferentes aspectos do programa e da candidatura para facer as súas achegas a unha plataforma na que participan outras seis forzas e que "está aberta" a outras organizacións para lograr unha "voz potente, soberana, para defender os intereses do país e camiñar decididamente para a soberanía". Por outra banda, o voceiro nacional do BNG asegurou que a súa formación apoiará candidatos propios pero tamén independentes para unha candidatura da que xa hai rumores de denominación: Nós-Candidatura Galega.
Díaz cre que se o BNG non desbota unha lista unitaria debería "paralizarse" o proceso de primarias de Iniciativa pola Unión
Mentres, Yolanda Díaz, tamén vicevoceira de AGE, cre que o BNG xa "desbota" calquera posibilidade dun acordo amplo. "Se non é así, o normal sería que parlizasen ese proceso [en referencia ás primarias de IxU] e que agardásemos a definir se somos capaces de concitar a unidade entre todos", dixo, tras asegurar que "algunhas forzas de esquerda non están a enender a mensaxe que quere a cidadanía".
Durante a mobilización das Marchas da Dignidade, Díaz tampouco descartou totalmente a unidade, pero si que "os que se desagreguen, os que non queiran estar, terán que explicar á cidadanía deste país por que razón non". "Ata o minuto menos un podemos chegar a un acordo e poñer os intereses dos galegos e galegas no centro da actuación política", insistiu tras poñer de exemplo a AGE e advertir de que "a suma multiplica".
Convención de CxG
Por outra banda, na convención de Compromiso, nas votacións, a opción de concorrer nunha candidatura de formacións cos centros de decisións en Galicia obtivo o 12% dos votos na primeira volta, na que gañou a opción de non presentarse (49%), mentres que o apoio ao proceso iniciado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega quedou no 39%. Na segunda volta, o 60,9% dos votos optaron por non presentarse e o 38% optaron polo Encontro.
Así, CxG aclara que "seguirá a apostar de forma proactiva e ata o último segundo, como leva a facer nas pasadas semanas e meses, pola integración das dúas propostas de candidatura galega de unidade". "Se finalmente esta posibilidade desaparece definitivamente, o partido non se integrará en ningunha das dúas candidaturas e pedirá xenericamente o voto para aquelas que recolleren os nosos principios programáticos para as eleccións xerais aprobados pola Convención Nacional, dando liberdade á súa afiliación para apoiaren, a título individual, e de forma que consideraren oportuna, calquera delas".