Plantón en pleno a José Manuel Baltar. O presidente da Deputación de Ourense enfrontábase este xoves ao primeiro pleno da institución tras a publicación en exclusiva de eldiario.es da denuncia segundo a cal o barón do PP ourensán ofreceu un posto de traballo a unha muller a cambio de sexo. Os grupos da oposición esixían explicacións de Baltar e, ante a negativa, optaron por abandonar a sesión.
A petición de explicacións fora canalizada a través dunha moción de urxencia de Democracia Ourensá e apoiada por toda a oposición, na que tamén están presentes PSdeG e BNG. Ao comezo do pleno, o portavoz do Bloque, Ramiro Rodríguez, expuxo unha cuestión de orde para que, antes do resto dos asuntos, se abordase esta iniciativa. A intención era debater e votar a reprobación e dimisión de Baltar polo escándalo revelado por este xornal.
"Parécenos extremadamente mal que furguen nestes temas", di o PP
Como era previsible, os votos do PP valeron xa non para tombar a propia moción, senón o seu simple debate. Como veu mantendo, José Manuel Baltar enmarca o caso no ámbito "persoal" e, por tanto, négase a abordar política e publicamente a denuncia e o contido das gravacións publicadas en eldiario.es, sobre as que o Grupo Socialista rexistrara tamén preguntas urxentes para este mesmo pleno. "El lévao así e anunciou as accións legais pertinentes, parécenos extremadamente mal que furguen nestes temas", reprochou o voceiro do PP.
"A cidadanía espera que falemos deste tema"
"Dicir que isto non é un tema grave para a institución é lamentable, toda a cidadanía está esperando que falemos sobre este tema", indicou o voceiro socialista, Ignacio Gómez, antes de abandonar a sesión. No mesmo sentido, Gonzalo Jácome, de DO, ironiza con que Baltar reduce o conflito ao ámbito "persoal" porque "cre que a Deputación e a provincia son del".
Pleno extraordinario o martes
Este veto do PP chega dous días despois de que o grupo de goberno da Deputación se negase a convocar unha xunta de portavoces extraordinaria para, a solicitude do PSOE, reclamar "explicacións contundentes" de Baltar. Dadas as circunstancias, o seguinte paso da oposición foi reclamar un pleno extraordinario, que finalmente Baltar accedeu a convocar.
O PP insta a oposición a "renunciar as dietas" por asistir ao pleno extraordinario para así demostrar "a súa ética"
Se ben o barón ourensán di dubidar de que teña a obriga legal de atender a petición da oposición, o vindeiro martes ás 10 da mañá celebrarase unha sesión monográfica sobre a "reprobación da conduta do presidente don José Manuel Baltar Blanco e solicitude da súa dimisión". Tras este anuncio, o PP emitiu un comunicado no que carga contra a "irresponsable actitude" do resto de grupos e os insta a "seguir coa súa congruencia e comportamento ético", renunciando "ás dietas que lles corresponderían pola asistencia" ao pleno extraordinario.