Iniciativa pola Unión xa ten os aspirantes a liderar a súa candidatura

Asistentes ao Acto de Apertura de Iniciativa pola Unión © Quino Vilas

Carlos Callón, Tereixa Novo, Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas. Estas son as cinco persoas que xa confirmaron a súa participación nas primarias de Iniciativa pola Unión (IxU) para encabezar as listas provinciais para as eleccións xerais do vindeiro 20 de decembro. 

Carlos Callón e Tereixa Novo, pola Coruña; e Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas, por Pontevedra, Lugo e Ourense, postúlanse a liderar as listas de Nós

Ás candidaturas confirmadas do ex presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e ex concelleiro do Bloque e da deputada do BNG no Parlamento uníronse a de Tereixa Novo, Olalla Rodil e Noa Presas, que presentaron cadanseus 25 avais para optar á cabeza de lista provincial de Nós-Candidatura Galega. No caso de Novo, ex concelleira e deputada polo BNG, a súa candidatura provocará que sexa a lista pola Coruña a única na que haxa dous aspirantes a ser cabeza de lista nas primarias de Iniciativa pola Unión. 

No caso de Lugo, Olalla Rodil é xornalista e militante de Galiza Nova, mentres que a ourensá Noa Presas, é teleoperadora e milita no BNG logo de implicarse durante anos no movemento estudantil nacionalista. 

Xa que logo, Carme Adán, Rodil e Presas serán, agás sorpresa maiúscula, as cabezas de lista de Nós-Candidatura Galega ás eleccións xerais, unha vez que se proclamen provisionalmente este martes as candidaturas ás primarias, que serán definitivas o vindeiro xoves 4, e que se voten o vindeiro domingo día 8. Nesa xornada, as máis de 4.500 persoas que xa están inscritas para participar terán que decidir entre Carlos Callón e Tereixa Novo para encabezar a lista da Coruña. 

Terán que elixir tamén entre o resto de candidatos provisionais para as listas do Congreso e do Senado que IxU vén de facer públicos. Pola Coruña preséntanse, entre outros, Suso de Toro, Isabel Risco ou Elvira Souto; por Pontevedra, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou Valentín García Bóveda. A maioría dos postulados preséntanse incluídos na candidatura de Avante Xunt@s. 

Tal e como precisa o regulamento aprobado, eran precisos 25 avais para postularse como cabeza de lista en calquera das catro provincias, mentres que dez son xa dabondo para formar parte das listas. As persoas avalistas deberán formar parte do censo das primarias abertas pola correspondente circunscrición provincial.

Ao igual que fixera Carlos Callón, Carme Adán colgou tamén un vídeo nas redes sociais no que aproveitou o seu paso pola autoestrada AP-9 para reivindicar que sexa "libre de peaxes" e exemplificar unha das loitas que pretende levar ao Congreso como cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega. "Preséntome para traballar por Galiza", di. 

Noa Presas © MGS
Olalla Rodil, nun acto electoral do BNG CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.