Marea e Nós: dúas posibles candidaturas galegas ás xerais

Mesa de partidos celebrada o pasado setembro CC-BY-SA Marea.gal

O relato da confluencia chega ao seu fin. A unha semana de que se pechen os prazos para presentar as candidaturas, todo indica que a esquerda e o nacionalismo galego dividiranse en dous espazos de cara ás eleccións xerais. Nin o último achegamento entre Beiras e Vence cambia o rumbo marcado dun e doutro lado. Iniciativa pola Unión (IxU) avanza na elaboración dunhas primarias nas que o BNG chama a participar "masivamente" e mesmo propón xa un nome: Nós-Candidatura Galega. Anova, Podemos, EU e as plataformas municipalistas, ao abeiro do Encontro Cidadán, avanzan tamén nunha negociación da que sairá unha denominación na que a palabra Marea será o "elemento central". Falta por decidir se o nome da formación de Pablo Iglesias forma parte ou non desa marca, condición que xa non é tan estrita como hai uns meses.

IxU avanza nunha lista, 'Nós-Candidatura Galega', mentres Anova, Podemos e EU apostan por 'Marea' como elemento fundamental da súa

Houbo varios nomes propostos para esta candidatura, tal e como confirman fontes da negociación. Un deles, En Marea Podemos, pero hai máis. Esa sería a opción ao xeito que veñen de acordar Pablo Iglesias e Ada Colau para a lista catalá (En Comú Podem-Podem en Comú) e mesmo a que se negocia na Comunitat Valenciana con Compromís. "O contexto galego é particular", coinciden varias voces, que advirten que a denominación "aínda non é un tema pechado". Podemos intenta salvar o mandato das súas bases, que en referendo optaron por que a súa marca se mantivese aínda con posibles alianzas. E Anova e outros axentes manteñen como condición que o nome sexa autóctono e non priorizar formación ningunha. 

Unha das solucións que se baralla é a de obviar a marca do partido morado. Marea, cun engádego sobre o carácter galego da lista, sería a alternativa, "sempre que as propias mareas municipalistas dean o seu visto e prace", algo que parece claro. Na papeleta, por baixo, engadiríanse os nomes de todas as forzas que se integren, o que permitiría a Podemos manter a súa marca, aínda que en pé de igualdade co resto. 

A candidatura da 'Marea' sería unha coalición instrumental, cos nomes das formacións na papeleta, e con personalidade xurídica propia

Sería unha coalición instrumental, tal e como confirman fontes da negociación, e todos os axentes implicados acordarían unhas listas que serían referendadas logo. As primarias abertas parecen descartadas porque, aseguran as mesmas voces, "non habería tempo nin garantías dabondo". Ademais, o espazo tería personalidade xurídica propia para garantir "un grupo parlamentario galego" que "habería ver como se artellaría logo", aínda que todas as voces consultadas coinciden en que acadalo "é complexo" dados os requirimentos esixidos polo regulamento do Congreso. "Por estraño que pareza, é no País Valencià onde parece máis claro que ese grupo se poida dar, máis que no caso galego e no catalán".  

 

A oferta de IxU e o pesimismo pola unidade

Sexa como for, todas as fontes coinciden en que hai "moito camiño andado", tanto por unha das posibles candidaturas como pola outra. Agás sorpresas de última hora, a marcha atrás nas negociacións é inviable. Nin tan sequera a breve conversa telefónica mantida entre o voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, e o do BNG, Xavier Vence, mudou as posicións. Do falado, segundo IxU, dedúcese un "último esforzo" para unha "candidatura unitaria" e derivaría nun encontro entre Iniciativa e o Foro Político impulado polo Encontro no que se incluirían todos os axentes implicados, máis o BNG. 

Anova di estar "indignada" co feito de que "dunha breve conversa telefónica se derive un comunicado"

Anova, no entanto di estar "indignada" co feito de que "dunha breve conversa telefónica se derive un comunicado" tan solemne; e aclaran que o único que Beiras manifestou a Vence foi que a súa formación non poñería atranco ningún a que esa xuntanza se celebrase. A convocatoria, segundo IxU, "estase negociando". "Serán os distintos axentes do Foro os que decidan", insisten as fontes do Encontro, que consideran "unha esaxeración" as conclusións sacadas do contacto telefónico. 

"Sabemos que é moi difícil pero saudamos moito o paso que deron Beiras e Vence", din desde a coordinadora de IxU. Xosé Luís Rivas, Mini, membro desta coordinadora, di estar "moderadamente ilusionado" e agarda que "impere o sentido común". "A nosa esperanza é a esperanza de moita xente de de moi diferentes partidos", insiste. No entanto, outras fontes ven con pesimismo estes hipotéticos avances, nin tan sequera co chamado feito por Compromiso por Galicia para unha xuntanza aberta. 

Fontes das negociacións restan importancia ao contacto entre Beiras e Vence: "xa hai moito camiño andado" dun lado e do outro

En público, a propia Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, asegurou á TVG que "teñen que ser os que pechan a porta os que expliciten á sociedade galega por que non queren ir a este proceso de ruptura e de acumulación de forzas para mudar este país", e insiste en que o BNG "non sentou a falar con Esquerda Unida". Mentres, a Marea Atlántica anuncia que este sábado convoca unha rede extraordinaria para "decidir sobre a súa participación no proceso de confluencia para as xerais" e "lexitimar" un grupo que será o que "participará activamente nas tarefas de concreción das candidaturas de confluencia". Equo-Galicia, pola súa banda, decidirá para a semana a través dunha votación telemática se aposta definitivamente pola confluencia na que xa se implicou a través do Foro Político do Encontro. 

"Non esperaría grandes cambios no tempo que queda", insisten fontes das diferentes negociacións, que insisten nas "dúas candidaturas" como a hipótese máis probable. O espazo de AGE, Podemos e as mareas municipalistas, dun lado. BNG e outras pequenas formacións nacionalistas e galeguistas, do outro. Ben parecido ao que aconteceu nas municipais en moitas cidades. Pero seis meses despois

Iglesias, con Beiras, Díaz e outros membros de Anova e EU © Podemos
A coordinadora de Iniciativa pola Unión, no Auditorio de Galicia © Quino Vilas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.