"De Feijóo non espero nada, pero pode que Génova lle mostre a Baltar a porta de saída"

Ignacio Gómez, voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense © PSdeG

Despois de que a oposición plantase a pasada semana a José Manuel Baltar pola súa negativa a explicar en sesión plenaria a denuncia por ofrecer traballo a cambio de sexo, o presidente da Deputación de Ourense ten outra oportunidade este martes. Será nun pleno extraordinario solicitado por toda a oposición (PSOE, BNG e Democracia Ourensá) do que nin os rivais políticos se fían. "Tememos que empreguen algunha artimaña", advirte Ignacio Gómez, portavoz socialista no ente provincial, nunha entrevista na que asegura que só o PP estatal e a proximidade das eleccións poderían provocar a saída do líder do PP ourensán. "Do PP de Galicia non espero absolutamente nada", aclara.

Que espera deste pleno extraordinario?

Esperamos que, polo menos, o PP e o presidente da Deputación dean a cara e se atrevan a debater. Isto é o mínimo porque sabemos que, obviamente, van votar en contra da reprobación e da petición de dimisión de Baltar. Temos mesmo o temor a que o grupo popular empregue algunha artimaña legal ou política para evitar o debate, porque son capaces de facelo. No caso de que se atrevan a debater, estaremos moi atentos ás explicacións que nos teñen que dar, non só a nós, senón á sociedade, que é a que ten que acceder a un debate que se ten que producir nesta institución provincial.

Que artimañas espera?

Espérome calquera cousa, desde que insistan en que é un tema que non se debe debater nun pleno da Deputación ata que marchen, tentando responder cun plantón ao que nós fixemos, de maneira xustificada, cando se negou a posibilidade de tratar o tema. Ademais, a prepotencia do presidente Baltar é tal que chegou a dicirnos que xa vería se convocaba ou non un pleno extraordinario cando legalmente estaba obrigado a facelo ao solicitalo once deputados provinciais, catro máis do mínimo necesario.

"Aquí o importante son as motivacións que rodean o caso, non os detalles persoais ou morbosos"

Foron moitas voces políticas as que aseguraron que o caso Baltar é unha metáfora do tipo de política que leva a cabo en Ourense desde hai anos. É así?

É así. Aquí o importante son as motivacións e connotacións que rodean o caso, non os detalles persoais ou morbosos. E máis aínda cando estas motivacións se explicitan nunhas conversas que, supostamente, o propio presidente da Deputación mantén con outra persoa. Non podemos esquecer que o anterior presidente provincial está condenado polo enchufe e colocación masiva de persoas na institución. Non é tanto que nos sorprendan estas prácticas aos que estamos no día a día da política provincial, pero é obvio que todo o derivado chama aínda máis a atención.

"Se Baltar se recoñece nesa voz gravada e é el o que fala, a dimisión debe ser inmediata"

O PP de Galicia alude á presunción de inocencia e ao carácter estritamente persoal do caso.

Ninguén dubida de que todo o mundo ten dereito á presunción de inocencia, pero tampouco dubidamos de que nada ten que ver a vía xudicial coa política. Se o presidente se recoñece nesa voz gravada e é el o que fala, a dimisión debe ser inmediata, non polo contexto en si senón polo que se di nesas conversas. Ese é o tema e non todo o derivado a unha cuestión persoal na que non nos metemos. Porque isto non é unha cuestión só persoal, como di Baltar. Serao, en todo caso, cando el dimita, a non ser que agora diga que el non é o que sae nas gravacións, o que implicaría un proceso xudicial aínda máis longo... Mentres non dimita e continúe no cargo, a polémica é tamén política. E si, todo isto non deixa de ser unha metáfora do que leva ocorrendo na provincia de Ourense moitos anos, pero engadíndolle cuestións máis morbosas que non son agradables para ninguén.

Malia todo, non parece que a repercusión do escándalo fose demasiada comparado con outros.

Quizais a xente se afaga a estas cousas e non hai nada peor que iso. "Unha máis", "xa o sabiamos...". Parece que xa non sorprenda, pero neste caso o tema ten algo máis de percorrido e repercusión polas connotacións morbosas que ten e que poida que interesen a máis persoas. Aquí o grave é o feito de traficar con postos de traballo e beneficiarse das necesidades da xente. E estas son cousas que hai moito tempo que pasan, o que provoca que haxa moitos cidadáns aos que xa non lles sorprenda nada. En todo caso, nos últimos días a min achegóuseme máis xente a preguntarme sobre o caso e a manifestar a súa vergoña por todo o que saíu á luz.

"As declaracións de Feijóo son vergoñentas; non repecta a quen denuncia, que é a parte máis débil deste caso"

Que lle pareceron as declaracións de Núñez Feijóo?

Vergoñentas. Non teño máis palabras para cualificalas. A mesma persoa que pide respecto e presunción de inocencia para Baltar, algo que ninguén nega, non mostra respecto persoal nin presunción de inocencia cara a outra persoa. Non respecta a quen denuncia, que é a parte máis débil deste caso e quen máis difícil o terá a partir de agora polo que pode influír isto na súa vida privada. As declaracións son vergoñentas.

Esperaba esta reacción do presidente da Xunta?

Non esperaba nada do presidente do PPdeG. Lembremos que el viviu un bochorno semellante público por ter relacións, polo menos raras, cun narcotraficante. A pesar de que aquilo se explicitou mesmo con fotografías, só lle faltou dicir que o da foto non era el, así que... Pois non, non espero nada dun partido con dirixentes que se mensaxean con Bárcenas, que viaxan en iates de traficantes e que son capaces de actuacións como as que agora estamos a ver en Ourense. Non espero nada dese partido, pero si esperaba algo menos vergoñento de quen, ademais de máximo dirixente dos populares galegos, é o presidente de Galicia e de todos os galegos.

"Non esperaba nada de Feijóo; el viviu un bochorno semellante polas fotos cun narcotraficante e só lle faltou dicir que o das fotos non era el"

Daquela, cre que o caso terá consecuencias políticas para Baltar e para o PP de Ourense?

Todo estará en función da presión que fagamos entre os grupos da oposición. Neste tema temos que estar unidos e ir xuntos e da man, máis aló dos desacordos que teñamos noutras cuestións. É algo dabondo importante como para que nos xuntemos e logremos que Baltar non siga nin un minuto máis como presidente da Deputación de Ourense.

Será suficiente a presión en Ourense?

Non, isto ten que darse tamén noutros foros políticos superiores, tamén no Parlamento de Galicia, por suposto, onde a oposición debería ir da man para pedir responsabilidades e consecuencias políticas. Mesmo se debería reaccionar a través do Congreso dos Deputados, pero a lexislatura está acabada. En todo caso, a presión que faga a oposición será fundamental na presión que o propio PP estatal reciba e senta. Do PPdeG non esperamos nada, pero pode que desde Madrid...

"Do PPdeG non agardo nada, pero estamos en época electoral e pode que o PP estatal aproveite para ensinarlle a Baltar a porta de saída"

Espera máis do PP estatal?

O PP desde Madrid xa se manifestou con bastante dureza sobre este tema, pediu explicacións e, polo momento, ninguén do partido aquí saíu a dicir que esas gravacións non sexan certas ou que o que alí fala non é Baltar. Pode que a presión afecte no PP estatal, non tanto porque de verdade queiran reaccionar, senón porque estamos nunha etapa electoral e pode que aproveiten para darlle un pequeno empurrón a Baltar e ensinarlle a porta de saída. Aí si podería ocorrer algo porque do PPdeG non espero absolutamente nada.

Ignacio Gómez, voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.