Electorado galego polo mundo: así se distribúen os "residentes ausentes"

Reparto do CERA galego polo mundo CC-BY-SA Praza Pública

O coñecido popularmente como "voto emigrante", o que achegan as persoas inscritas no denominado Censo de Residentes Ausentes, foi fonte constante de controversia en Galicia ata o ano 2011. Nese ano entrou en vigor a reforma da lei electoral que prohibiou a participación exterior nas eleccións municipais e, sobre todo, aumentou os controis do CERA coa introdución do voto rogado, unha esixencia de solicitude persoal previa para votar en cada elección que reduciu a participación á mínima expresión. Mentres os grandes partidos xa traballan nunha nova contrarreforma desta normativa o CERA galego non deixa de subir.

O censo que rexe para as eleccións xerais do 20 de decembro recolle máis de 440.000 persoas inscritas no CERA das catro provincias galegas, un 4% máis que nas europeas de 2014 e un 80% máis que a finais da década dos 90, cando unha reforma aprobada nos últimos compases do goberno de Felipe González -a emigración pasou a estar inscrita no CERA sen ter que solicitalo- aumentou exponencionalmente o electorado do exterior. Estas máis de 400.000 persoas distribúense por máis de 140 países, se ben Arxentina, Brasil e Venezuela concentran máis da metade.

Pasa por riba dos países para coñeceres o electorado galego en cada un deles

Como se recolle amplamente en estudos ao respecto como os elaborados polo xornalista Anxo Lugilde -recollidos, por exemplo, nun recente relatorio ou no libro O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española (Galaxia, 2007)-, o voto emigrante foi unha ferramenta empregada en clave partidaria polos sucesivos gobernos de España dende o final do franquismo. Así, por exemplo, o Goberno de Adolfo Suárez fomentou a participación da emigración para sacar adiante a lei de Reforma Política no referendo de decembro de 1976, pero púxolle atrancos nas eleccións xerais do ano seguinte ao considerar que a poboación emigrada apostaría maioritariamente por opcións de esquerda e non pola UCD.

As reformas de 1995 e 2007 aumentaron exponencialmente o censo exterior

A participación emigrante nas eleccións e o seu peso no conxunto do censo foi aumentando cos anos e fíxoo especialmente a través da devandita reforma de 1995 e, outra vez, a partir de 2007, cando a través da lei de Memoria Histórica o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero abriu a porta á solicitude da nacionalidade española aos netos e netas de españois expatriados por motivos diversos, non só políticos. Paralelamente a estes incrementos sucedéronse as denuncias de participacións fraudulentas -ata 2009 nin sequera era necesario acreditar que cada elector estaba vivo para dar por válido o seu voto- mentres os resultados do CERA se inclinaban, elección tras elección, a prol do partido gobernante no Estado.

Os controis instaurados en 2011 minimizaron a fraude, pero dificultaron tamén a participación de persoas emigradas recentemente

Episodios como o paso dun escano do BNG ao PP nas eleccións galegas de 1997 ou a tensa espera que sucedeu os comicios de 2005 pola posibilidade de que os populares retivesen na emigración a maioría absoluta que perderan no interior alimentaron as esixencias dunha reforma do voto emigrante. Esta consumouse en 2011 e elevou a abstención no CERA por riba do 90%, minimizando a fraude con controis que, no entanto, agora padecen tamén as persoas emigradas recentemente, que se ven sometidas á mesma peregrinación burocrática que persoas sen vinculación ningunha co territorio ou que colectivos e partidos que, mentres puideron, alimentaron a fraude do voto exterior.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.