A lei impide a segunda moción de censura na Deputación de Lugo coa que especula o PP

Deputados de PSdeG e BNG votando na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo leva sendo un fervedoiro político nos escasos cinco meses que transcorreron dende o inicio do novo mandato. A entrega do goberno ao PP co voto do alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, e a moción de censura que devolveu o poder á coalición de PSdeG e BNG catro meses despois foron os dous avatares máis destacados nun terremoto político cuxas réplicas aínda continúan. A última é o inicio do proceso de expulsión de Martínez por parte do PSOE despois de que o rexedor díscolo unise de novo o seu voto ao dos populares para deixar o Bloque sen media dedicación exclusiva e sen asesores. Neste contexto, dende as filas conservadoras especúlase máis ou menos abertamente coa posibilidade dunha nova moción de censura que faga retornar o bastón de mando á dereita. Esta posibilidade é das poucas que, con toda seguridade, non se vai poder dar.

Despois de que Martínez volvese votar co PP o vicevoceiro popular na institución, Carlos Armesto, desbotou ante a prensa a posibilidade dunha moción de censura, pero fíxoo con matices. "Agora mesmo unha moción de censura non está na nosa cabeza", explicou. "Moción de censura xa houbo unha, o que hai é que poñer normalidade na institución", o goberno "terá que facer o seu traballo, a nós tócanos facer oposición". "A partir de aí -matizou- verase calquera posibilidade de cara ao futuro". O que podería interpretarse como unha porta aberta á moción de censura bate frontalmente coa lei electoral por dúas vías distintas.

O vicevoceiro do PP pechou a porta á censura "agora mesmo", pero indicou que "se verá calquera posibilidade cara ao futuro"

As mocións de censura nas deputacións regúlanse polo artigo 197 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, o mesmo que rexe neste tipo de mocións nos concellos e que foi reformado no ano 2011 para previr o transfuguismo. Así, a primeira condición que debe cumprir unha censura é estar proposta por, cando menos, "a maioría absoluta" da corporación, neste caso 13 deputados, os que sumaría o PP xunto a Martínez. Esta condición é necesaria, pero non suficiente.

Os únicos membros da corporación que legalmente poden agora asinar unha moción de censura son os do PP, que non cumpren os requisitos legais para aprobala

Se "algún dos propoñentes da moción de censura forma ou formou parte do grupo político" do presidente da Deputación, isto é, do PSdeG, non abonda coa maioría absoluta. Neste caso, "a maioría esixida (...) verase incrementada no mesmo número de concelleiros que se atopen en tales circunstancias", é dicir, sería necesario un voto máis, que non existe. O panorama complicaríase aínda máis se o PSOE culmina a expulsión de Martínez, xa que "este mesmo suposto é de aplicación" cando un deputado provincial "deixa de percencer, por calquera causa, ao grupo político ao que se adscribiu ao inicio do seu mandato".

Estas normas xa impiden por si soas a formulación dunha nova moción e faino, ademais, o punto 2 deste mesmo artigo da lei, no que se indica que "ningún concelleiro [ou deputado provincial] pode asinar durante o seu mandato máis dunha moción de censura". Así as cousas, os únicos deputados e deputadas que legalmente poden asinar unha moción de censura na Deputación de Lugo ata 2019 son os 12 membros do PP, que non contan con maioría absoluta para aprobala e aos que a lei impediría recibir neste asunto apoio de calquera membro dos grupos do PSdeG ou do BNG.

Así as cousas, Martínez nin o PP teñen recursos para tombar o actual goberno, pero mentres reteña o seu escano o alcalde de Becerreá si pode bloquear a toma de decisións na institución. Se nas votacións se abstén produciríase un empate a 12 que ficaría desfeito co voto de calidade do presidente, pero se apoia ao PP poden saír adiante as iniciativas dos populares. Todas agás a moción e censura.

Votación do grupo do PP no último pleno CC-BY-SA Praza Pública
Martínez, explicando o seu segundo voto co PP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.