Cinco argumentos de Feijóo para non actuar contra Baltar

Feijóo, o pasado mércores no Parlamento © Conchi Paz

Na súa calidade de presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo ten escasa marxe de manobra para actuar contra José Manuel Baltar como titular da Deputación de Ourense pola denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle un posto de traballo na institución a cambio de sexo cando o ente provincial aínda era dirixido polo seu pai. No entanto, o xefe do Goberno galego é tamén máximo responsable do PP en Galicia e Baltar, presidente provincial do partido. Así e todo, dende o estourido deste caso coa publicación da denuncia en eldiario.es, Feijóo optou pola actitude que se lle adoita atribuír a Mariano Rajoy ante escándalos que afectan a dirixente da súa contorna: sobrevoalos sen tomar decisións drásticas que, neste asunto, provocarían que o líder galego puxese en risco un dos principais celeiros de votos do PP, a provincia de Ourense, insondable para as cúpulas galega e española do partido sen a poderosa maquinaria baltarista.

Tras máis de dúas semanas dende a saída da denuncia á luz pública son variadas as respostas do presidente da Xunta para non actuar contra Baltar. Foron xa, cando menos, cinco argumentos que na oposición parlamentaria son lidos como unha defensa do herdeiro da saga político-familiar á que Feijóo tentou, sen éxito, derrubar no congreso provincial do partido en 2010, cando Baltar pai lle legou a presidencia a Baltar fillo.

1-Cómpre agardar

Poucas horas despois da publicación en eldiario.es da denuncia e das primeiras gravacións das conversas de José Manuel Baltar coa denunciante, Feijóo era cuestionado ao respecto pola prensa. O presidente da Xunta evidenciou que o asunto estaba nas mans da Fiscalía e, polo tanto, el estaría "atento" ao percorrido do caso nos tribunais. "Imos ver o que a Xustiza nos concreta" no "desenvolvemento dunha denuncia e dunha contradenuncia", xa que o barón ourensán "vai acudir á Xustiza para protexer a súa honra".

O que correspondía era "esperar a ver que ocorre", ata que a Xustiza "se pronuncie". Os xornalistas preguntáronlle directamente ao presidente galego se apoiaba ou non a Baltar. "Creo que xa contestei suficientemente", retrucou, mentres en Madrid o voceiro parlamentario do PP, Rafael Hernando, consideraba que "se é verdade" o relatado na denuncia, os feitos son "repugnantes".

2-O silencio

O presidente optou por non responder á primeira petición de dimisión

A segunda estratexia de Feijóo ante o caso Baltar foi o silencio. Na mesma xornada en que toda a oposición optaba por abandonar o pleno da Deputación pola negativa do presidente a dar explicacións sobre o caso, o xefe do Executivo galego tiña sesión de control no Parlamento. Aínda que ningunha das preguntas da oposición estaba vinculada ao asunto -foran rexistradas con anterioridade á publicación-, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, comezou a súa intervención dándolle pé a abordalo, pero preferiu non responder.

Nunha sesión que comezara cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, Jorquera indicou que "hai moitas vítimas da violencia machista, non só mulleres asasinadas", e ante estes feitos "non abonda con minutos de silencio. "Seguimos esperando a que vostede esixa a dimisión do señor Baltar", sinalou o parlamentario, que non logrou resposta do presidente en ningunha das súas quendas. Feijóo, indicaba nesa xornada o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adoita ser máis "locuaz" cando os problemas afectan a "outros partidos".

3-A denunciante pretendía que delinquise

A terceira xustificación para manter o apoio a Baltar chegaba tras a xuntanza do Consello da Xunta do pasado 29 de outubro e foi, ata momento, a máis polémica. A preguntas deste diario sobre as gravacións e a propia denuncia, Feijóo eludía lanzarlle reproche político ningún a Baltar, pero si afondaba no papel que, ao seu xuízo, tivo a denunciante neste caso. "O que se pretendía por parte da denunciante non se conseguiu", afirmou daquela. "O que pedía esa persoa era que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu", resumiu como único feito "constatable".

"O que pedía esa persoa era que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu"

Así, e preguntado por se Baltar podía supoñer un "lastre" para o PP en xeral e cara ás eleccións xerais de decembro en particular, Feijóo reiterou que "non hai ningún tipo de procedemento xudicial" aberto contra o dirixente ourensán. En calquera caso, agregou, pola súa banda continuaría "seguindo co interese que require ese tipo de denuncia", na que polo momento só hai "o que di unha persoa e a negación dos feitos por parte doutra".

4-Non está imputado

Despois de evitar facelo e tras o paso do propio Baltar polo Parlamento, este mércores Feijóo víase abocado a abordar a denuncia de traballo por sexo no pleno da Cámara galega, toda vez que todas as preguntas na sesión de control eran monográficas sobre este asunto. No medio dunha gran tensión cos membros da oposición, parte dos cales abandonaron o pleno entre berros de "machista", o popular comezou a súa intervención falando do paro e de Catalunya por ser estes, dende o seu punto de vista, os "principais problemas". Acto seguido, xustificou a súa actuación a respecto de Baltar no feito de que o líder ourensán non ten sobre si ningunha imputación xudicial.

Facer "calquera pronunciamento" sobre "unha denuncia, porque estamos a falar, xustamente, dunha denuncia", sería para Feijóo "precipitado" e promovendo a destitución de Baltar "correríamos un alto risco de ser inxustos", xa que só se tería en conta "unha versión da parte denunciante e unha negación da parte denunciada", argumenta. A oposición, censura centrando novamente o asunto nos xulgados: "xulga, dita sentenza e condena". A el, afirma, non lle "tremerá a man" para tomar decisións cando haxa consecuencias legais.

5-O caso é como unha imputación urbanística

Feijóo atribúelle á oposición unha "dobre vara de medir"

Na mesma intervención durante o sesión de control Feijóo inaugurou unha quinta liña argumental neste caso: a das comparacións. Así, o presidente compara o caso Baltar coa acusación de acoso sexual por parte dunha exedil contra o alcalde socialista de Catoira, suspendido de militancia no PSOE dende o inicio do desenvolvemento do caso. Feijóo realiza tamén comparacións con outros ámbitos, poñendo o foco tamén no PSdeG e na provincia de Lugo.

Segundo o presidente da Xunta, os socialistas amosan unha "dobre vara de medir" porque, por exemplo, José Ramón Gómez Besteiro cingue á Deputación de Lugo o conflito xerado polo alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Do mesmo xeito, Feijóo repróchalles aos socialistas que lle concedan a Besteiro "o dereito a continuar no cargo" malia estar imputado -por unha concesión urbanística na súa etapa como concelleiro en Lugo- e esixan o cesamento de Baltar, "unha persoa que nin sequera está imputada, senón denunciada".

Feijóo, respondendo ás preguntas sobre o caso Baltar © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.