O Parlamento galego entra nos minutos do lixo

Discurso de Feijóo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura © Parlamento de Galicia

Os minutos do lixo son aqueles nos que, en deportes como o baloncesto, transcorren dende que o partido está xa decidido e ata o remate do encontro, cando o que acontece sobre a pista ten xa escasa transcendencia para o resultado final, o que adoita ser aproveitado por quen adestra para lanzar á cancha xogadoras ou xogadores que non adoitan participar no xogo. Algo semellante será o que se viva no Parlamento de Galicia a partir das vindeiras eleccións do 20 de decembro. A menos dun ano dos comicios galegos, os máis que previsibles relevos en membros de máis dun grupo da Cámara contribuirán a restarlle valor político real ao que suceda nunha Cámara que, a efectos prácticos, estará en campaña electoral.

Despois dunha corentena de leis aprobadas, incluíndo tres orzamentos, a aprobación da lei do solo e das contas públicas para 2016 serán, previsiblemente, as derradeiras decisións de relevancia da lexislatura, e ambas tomaranse, se non hai cambios, no presente período de sesións, isto é, antes de que remate o ano. Cando as súas señorías regresen do período inhábil, no mes de febreiro, restarán apenas oito meses de mandato -se o presidente da Xunta non decide adiantar as eleccións- e a axenda lexislativa estará, a efectos prácticos, esgotada, nun Parlamento no que mesmo é posible que non sente ningún dos candidatos á Presidencia en 2016.

O resultado das xerais implicará, con toda probabilidade, un relevo na Presidencia da Cámara

Sen leis de relevancia que aprobar, sen orzamentos que tratar e sen debate de política xeral que prever -unha recente reforma legal impídeos nos anos en que hai eleccións-, o ambiente preelectoral impregnará unha Cámara na que, con toda seguridade, mudarán varias caras relevantes, a comezar pola Presidencia. A actual xefa do lexislativo, Pilar Rojo, foi designada número tres da lista do PP ao Congreso, un nomeamento que ela mesma considera "un premio" e que, agás sorpresa maiúscula -o PP nunca tirou menos de 4 escanos en Pontevedra-, suporá a súa marcha a Madrid nas primeiras semanas de 2016. Cumprirá, polo tanto, procurar quen a substitúa como segunda autoridade de Galicia, posto para o que xa existen cábalas, algunhas das cales ollan cara ao baltarista Miguel Santalices, actual vicepresidente primeiro e deputado máis veterano da casa.

Posibles substitucións en PP, PSdeG, AGE e BNG

Rojo abandonará o Grupo Popular e quen, moi posiblemente, tamén o fará será Paula Prado. Tras a convulsa lexislatura na que abandonou o Concello de Santiago e na que exerceu a portavocía orgánica do partido durante ano e medio -posto do que dimitiu ao ser investigada no caso Pokémon, causa que foi arquivada-, Prado deixará o Pazo do Hórreo con rumbo ao Senado. Segundo o voceiro do PP, Pedro Puy, estas substitucións non suporán un problema porque no seo do PP hai "persoas coa suficiente valía" como para serviren de remudas a Rojo e Prado.

Previsiblemente, Pilar Rojo e Paula Prado (PP) e Abel Losada (PSdeG) marcharán a Madrid tras o 20-D

En función dos resultados electorais aínda caben tres cambios máis, neste caso na oposición. O deputado do PSdeG Abel Losada partirá, moi seguramente, cara ao Senado despois do 20-D elixido por Pontevedra. Na mesma provincia, a deputada do BNG Carme Adán é a cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega e, se logra o escano, sería substituída -a seguinte persoa na lista é a poeta Marta Dacosta-. No grupo de AGE, pola súa banda, a inclusión de Yolanda Díaz como número dous de En Marea pola Coruña pode dar lugar a unha complexa reacción en cadea en caso de éxito electoral.

Se Díaz é elixida deputada de En Marea sería a quenda para a seguinte integrante da lista, actualmente en Cerna

Se Díaz marcha ao Congreso sería a quenda para a número 5 da lista de Alternativa pola Coruña, que en 2012 foi ocupada por Mónica Fernández, daquela en Anova e actualmente en Cerna, partido da exdeputada de AGE Consuelo Martínez, integrada no Grupo Mixto dende novembro de 2014 xunto a Carmen Iglesias, quen en 2013 evitou o corremento de lista para que David Fernández (Anova), fose substituído por outra integrante da formación de Xosé Manuel Beiras. En caso de que Mónica Fernández decidise non recoller a súa acta podería facelo María Luz Canal, de Esquerda Unida.

No caso de que estas remudas cheguen a producirse o Parlamento rematará o mandato con case un terzo dos seus membros diferentes aos que comezaron a lexislatura. Ata o momento producíuse unha vintena de cambios, quince deles no PP, a maioría para ocupar cargos na Xunta .

Discurso de Feijóo durante o debate de política xeral © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.