Comeza a carreira electoral. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores as candidaturas presentadas polas formacións políticas para as eleccións xerais do 20 de decembro, que serán proclamadas definitivamente o vindeiro día 24. No caso de Galicia rexistráronse trece candidaturas das que só nove presentan listas ao Congreso nas catro circunscricións. Malia á proliferación de novas forzas políticas, a configuración final deixa un dos panoramas menos diverso en canto a opcións partidarias nuns comicións ás Cortes Xerais nos que, segundo os inquéritos que manexan os partidos, as maiores probabilidades de obter representación són para PP, PSOE, En Marea, Nós-Candidatura Galega e, en menor medida, Ciudadanos.
A Coruña
O electorado da Coruña é o que dispón dun maior número de opcións para votar o 20-D. Ademais dos principais partidos e coalicións pode optar tamén polo PACMA, UPyD, Recortes Cero, o Partido da Terra, Comunistas da Galiza e SAIN. Tamén está presente o partido dereitista VOX, cuxa lista ao Congreso pola Coruña é a única que presenta en Galicia.
Para o Senado quen, a priori, máis posibilidades teñen de lograr os escanos son os tres candidatos do PP: os agora deputados no Parlamento galego Paula Prado e Gonzalo Trenor e máis o exalcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer. O PSOE concorre á Cámara Alta con Ángel Mato, Mar Debén e Javier Losada, NÓS presenta a Xosé Luís Rivas 'Mini', Vanessa Nieves e Secundino García Casal e pola banda de En Marea concorren José García Buitrón, Iria Otero e André Seoane.
Lugo
Os catro escanos da provincia de Lugo terán candidatos e candidatras de dez forzas políticas; as cinco que as enquisas sitúan en cabeza e mais o PACMA, UPyD, Recortes Cero, o Partido da Terra e Comunistas da Galiza. Como en Ourense, a principal incógnita neste caso reside en se as forzas diferentes de PP e PSOE son quen de se facer oco no reparto de escanos ao Congreso, algo que non acontece dende a etapa da UCD.
Para seren senadores e senadoras por Lugo o PP volve optar por José Manuel Barreiro, acompañado por Dámaso López e Sandra Vázquez. Polo PSOE concorren á Cámara Alta Ricardo Varela, Darya Fernández e Pablo Núñez. Nós-Candidatura Galega presenta ao Senado a Ana Prieto, Orlando González e Luís López Melle, e En Marea propón a Luis Daporta, Carmen Pérez e Modesto Renda.
Ourense
En Ourense haberá tamén unha decena de opcións entre as que optar para cubrir os catro postos ao Congreso dos Deputados, onde actualmente senta 3 representantes do PP e 1 do PSOE. Ademais dos partidos e coalicións que se presentan no resto do país, no caso ourensán concorre tamén a formación Ourense pola Esquerda.
Para o Senado o PP presenta a Edelmira Barreira, Carmen Leyte e Francisco José Fernández, mentres que o PSOE optou polo ex xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá, xunto a Teresa Taboada e Enrique Barreiro. Por NÓS concorren ao Senado Xabier González, Carmen Bolaño e Diego Lourenzo, mentres que En Marea presenta a Pilar Barros, Juan Luis Villarino e Dolores Alonso
Pontevedra
Serán tamén dez as papeletas que se poidan escoller para configurar o Congreso o 20-D en Pontevedra. Actualmente, pola circunscrición pontevedresa o PP ten 4 representantes, o PSOE conta con 2 e o BNG ten unha deputada.
No Senado o PP presenta como primeira opción a Marta Lucio, ata agora directora do Museo do Mar e cunha longa traxectoria na Deputación de Pontevedra, cuxo expresidente, Rafael Louzán, figura como suplente para este posto. Acompáñanos na lista Miguel Fidalgo e o ex alcalde de Lalín, José Crespo. Pola banda do PSOE optan á Cámara Alta o agora deputado Abel Losada, con María Aguín e Alfonso Parada. Por NÓS preséntanse Alba Cuba, Xosé Collazo e Valentín García Bóveda. En Marea propón a Vanessa Gómez, Marta Díaz e mais a Xosé Luís Méndez Ferrín.