O PSOE inicia a expulsión do alcalde de Becerreá polo seu "gravísimo dano" ao partido

Martínez, no pleno da Deputación CC-BY-SA Praza Pública

Un "gravísimo dano á imaxe do partido non só na provincia de Lugo, senón no seu conxunto". Isto é o que, segundo a dirección federal do PSOE, provocou o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, ao decidir o pasado xuño entregarlle a presidencia da Deputación de Lugo ao PP para desmarcarse do acordo que, fiado entre o seu partido e o BNG, decidira situar na presidencia a Darío Campos, que dirixe a institución dende o pasado outubro grazas á moción de censura que Martínez si votou. Martínez está dende este martes provisionalmente expulsado do PSOE e así seguirá mentres se resolve o expediente polas súas votacións co PP, que o poderían situar definitivamente fóra do partido.

Nunha resolución da Secretaría Federal de Organización dos socialistas, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, o PSOE detalla todas as ocasións nas que Martínez foi contra as "directrices" do seu partido, a comezar pola votación que converteu en presidenta á popular Elena Candia e a seguir polas votacións nas que, dende a chegada de Campos á presidencia, se aliñou cos conservadores. Así, detalla que o 27 de outubro Martínez se ausentou do pleno para non votar unha moción do BNG "na que o Grupo Socialista decidira votar a favor" e, na mesma sesión, "votou no mesmo sentido que o PP" noutra iniciativa do Bloque, "facendo caso omiso á posición de apoio fixada polo Grupo Socialista".

O expediente da dirección do PSOE refírese tamén ao pleno do 4 de novembro, no que o rexedor de Becerreá uniu o seu voto ao do PP para deixar os deputados do Bloque sen dedicacións exclusivas nin persoal eventual. Ambas votacións, que Martínez xustificou no seu afán de non "beneficiar" a formación nacionalista, supuxeron ir "en contra da proposta da presidencia da Deputación, do PSdeG-PSOE", evidencia o documento.

A dirección do PSOE resalta que as votacións conxuntas de Martínez co PP supoñen contradicir as normas internas do partido, que prevé sancións para estes casos

 

 

O acontecido na investidura de xuño, indica a secretaría de organización, "encaixaría dentro do suposto de expulsión provisional", que regula as sancións por actuar "en contra de acordos expresamente adoptados polos órganos de dirección do partido". Naquela ocasión, resalta, Martínez "permitiu" que a presidencia "recaese na candidata proposta polo PP, cando a posición política defendida e mantida polos órganos de dirección do PSOE era non pactar nin facilitar gobernos ao PP, como é público e notorio". Asemade, as sucesivas votacións contra as mocións do BNG "suporían unha actuación en contra das directrices marcadas polo órgano competente, neste caso o Grupo Provincial", que as normas internas do PSOE tamén prevén sancionar.

 

 

Así as cousas, Martínez fica temporalmente expulsado e ponse en marcha un expediente disciplinario contra el. Contra esta decisión cabe un recurso que o propio rexedor de Becerreá xa confirmou que interporá en canto lle sexa comunicado o procedemento. Mentres, o voceiro autonómico do PP, Miguel Tellado, definiu este procedemento como unha "purga".

Martínez, no pleno da Deputación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.