'Nós' chama a "ir a Madrid para defender o que o goberno galego non defende"

Cabezas de lista de Nós-Candidatura Galega © Nós-Candidatura Galega

NÓS-Candidatura Galega celebrou este domingo ao mediodía no Pazo de congresos e exposición de Santiago de Compostela un Encontro Nacional Aberto que serviu para presentar os seus candidatos e candidatas ás eleccións xerais do 20 de decembro. Reivindicouse como "a única opción política 100% galega, libre de supeditacións a forzas estatais, que non se pon límites na defensa de Galiza en Madrid a partir do 20D". O acto, conducido por Xosé Lois González, o Carrabouxo, e por Isabel Risco, número dous da candidatura pola Coruña, contou coa participación de representantes de distintos colectivos sociais que levaron a cabo mobilizacións en defensa dos seus dereitos, como os estafados polas preferentes, emigrantes retornados, plataformas en defensa dos servizos públicos, entre outros. Entre as máis de mil persoas asistentes, figuraban todas as persoas integrantes da candidatura e responsables políticos das forzas que a apoian: BNG, PG, Foga, CG e PCPG.

No acto recoñeceuse o labor desenvolvido nos últimos anos polas deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila e Rosana Pérez, e tamén por Francisco Rodríguez, tamén homenaxeado

No acto, ademais, recoñeceuse o labor desenvolvido nos últimos anos polas deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila e Rosana Pérez, e tamén por Francisco Rodríguez, tamén homenaxeado, grazas aos que "Galiza tivo voz en Madrid", segundo se destacou nas distintas intervencións. Neste senso, Olaia Fernández Dávila salientou que "o BNG foi a referencia no Congreso dos colectivos esmagados polas políticas do PP". De igual xeito, Rosana Pérez afirmou que "temos que ir a Madrid para defender o que o goberno galego non defende".

As protagonistas foron as cabezas de lista por cada circunscrición provincial: Carlos Callón (A Coruña), Carme Adán (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense), ademais doutras candidatos e candidatas, ao Congreso e ao Senado, que foron pasando polo escenario para intervir sucesivamente. "Como muller, moza e galega aspiro a vivir en Ourense, no interior. Como muller, moza e galega acredito nunha realidade distinta pola que loito cada día e estou aquí para defendela", destacou Noa Presas. "Imaxinade o pais no que queredes vivir, é Galiza! Sentide o orgullo de pertencer a esta terra", afirmou Olalla Rodil.

Pola súa banda, Carlos Callón subliñou que "non imos consentir que acaben co noso idioma, que o traten como un residuo tóxico" e engadiu que "non podemos permanecer impasíbeis vendo como nos rouban o noso país. Temos que deixar de ser a última carta da baralla". Finalmente, Carme Adán sinalou que "o noso futuro témolo que conquistar coas nosas mans" e destacou que a candidatura ten "a forza de homes, mulleres que tiveron soños para desexar outra Galiza". “Contra o machismo que mata, NÓS, estatuto de vítima de feminicidio, contra a falta de crédito para familias e empresas, NÓS banca galega”, explicou Adán citando parte das propostas programáticas. “Contra aqueles que non creen no país, NÓS, orgullo de país, NÓS-Candidatura Galega”, concluíu.

Remate do 'Encontro Nacional Aberto' celebrado este domingo © Nós-Candidatura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.