Sanidade defende que os quirófanos en camións melloran a igualdade entre pacientes

Os camións, no hospital de Ourense © Alegría Activity

Entre as múltiples protestas de persoal e pacientes que acompañaron a apertura do novo hospital de Vigo figuraba a realización de probas diagnósticas nunha unidade móbil, nun camión, mentres as resonancias magnéticas non funcionaban no novo centro. Algo máis dun mes antes de que comezase o accidentado proceso que acabou levando politicamente por diante a exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o Consello da Xunta trataba un informe -documento sen valor xurídico, que o Executivo emprega para publicitar asuntos que considera relevantes- sobre a posta en marcha de dous destes camións na provincia de Ourense, neste caso con funcións de quirófanos e consultorios. Dous meses despois do inicio da súa actividade, a Consellería de Sanidade defende no Parlamento que estes equipamento favorecen a igualdade no acceso á asistencia sanitaria entre os pacientes.

O pasado agosto o BNG rexistrou unha pregunta no Parlamento para instar o Goberno a aclarar se dispón de "informes" ou outro tipo de estudos que xustifiquen o gasto de 1,7 millóns de euros -a maior parte procedentes de fondos europeos- nestes dous camións "para intervencións cirúrxicas e prestación sanitaria nos centros de saúde de Ourense". Para a voceira do Bloque en materia sanitaria, Montse Prado, resulta "indecente" realizar este "desbalde" mentres Sanidade "desmantela infraestruturas" ou, por exemplo, mantén pechadas camas hospitalarios. "É evidente -indicaba- que estamos diante dun gasto máis destinado a favorecer algún negocio que á mellora da asistencia sanitaria".

"Incrementa a eficacia da atención sanitaria e mellora a equidade entre pacientes"

Hai escasos días chegou a resposta a esta pregunta e a Consellería, xa con Jesús Vázquez Almuíña á fronte, non só admite que os camións son empregados para facer fronte ao "incremento da actividade asistencial en zonas que ven aumentada substancialmente a súa poboación en determinados períodos, como a época estival", isto é, mentres o Servizo Galego de Saúde mantén camas pechadas -máis de 1.000 en toda Galicia nos últimos veráns-. Ademais, o departamento autonómico asegura que ubicar estes camións xunto a centros sanitarios "incrementa a eficacia da atención sanitaria en xeral e, en particular, da atención primaria, achegando probas diagnósticas ou cirurxía menor a centros nos cales non se dispón delas, mellorando a equidade entre pacientes".

A Consellería admite que os camións poden ser empregados como reforzo no verán, mentres o Sergas pecha camas

Aínda que o Goberno galego asegura que con estes camións "non pretende substituír" as instalacións sanitarias dos hospitais, no mesmo documento explica que tamén contempla a "posibilidade" de "unir" os dous camións, o que permite "a realización de cirurxía maior ambulatoria, transformando un nun quirófano e o outro, nunha área postcirúrxica". "Este uso -di- realizarase nun entorno hospitalario e, no caso de que se produza algún tipo de continxencia nalgúns dos quirófanos existentes no centro sanitario". Neste caso, polo tanto, o camión si substituiría un quirófano ordinario.

A Xunta nega o desbalde que detectan os sindicatos

Nesa mesma resposta a Xunta nega tamén que destinar 1,7 millóns de euros públicos nestes camións, que tiveron Ourense, Ponte Noalla e A Gudiña como primeiras paradas, supoña un malgasto de cartos públicos. "Dende logo -argumenta- non implica 'despilfarro' de fondos propios", toda vez que "esta iniciativa" se enmarca no convenio Innova Saúde, que está "cofinanciado nun 80%" por fondos europeos, indica. 

Sanidade nega malgasto porque o proxecto está financiado con fondos europeos

Unha visión diferente é a que ten o sindicato CIG-Saúde, que ve un desbalde dedicar aos camións uns fondos que "poderían servir para mellorar as moitas instalacións médicsa que se atopan en condicións pésimas" na propia provincai de Ourense. "É lamentábel, cando moitos dos centros de saúde se atopan en pésimas condicións" e "cando boa parte das salas de operacións" do Complexo Hospitalario de Ourense "están infrautilizadas". Asemade, a CIG pregúntase se o uso deste tipo de equipamentos implicará "pasear pola área sanitaria" profesionais dos hospitais.

A empresa adxudicataria destaca que os camións mesmo contan con "aseos para clientes"

Mentres oposición e sindicatos recean da iniciativa, a empresa adxudicataria do proxecto, Alegría Activity, publicita o resultado do investimento a través da súa web. Como a Xunta, a compañía explica que os seus camións poden "convertese nun consultorio médico rural ou servir de reforzo médico en localidades con aumento de poboación estival", ademais de servir de quirófano en situacións programadas ou de emerxencia. "Cando funcionan como centro de atención primaria -debulla- pódese crear un espazo dividido en diferentes salas: consultas de medicina e enfermaría, administración e aseos para clientes".

Interior dun dos camións © Alegría Activity

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.