Martínez volve pactar co PP para retirarlle competencias ao goberno da Deputación de Lugo

Martínez, votando co PP CC-BY-SA Praza Pública

"Non sei se como Ronaldo ou, máis ben, como De Gea, non sei como estou". Manuel Martínez, comezaba deste xeito o primeiro pleno da Deputación de Lugo dende o inicio da súa expulsión do PSOE por votar conxuntamente co PP e causarlle, segundo a dirección socialista, un "gravísimo dano" ao partido. O alcalde de Becerreá reclamaba coñecer se xa constaba como deputado non adscrito dende o inicio da sesión ou se formalmente aínda era membro do Grupo Socialista. No entanto, antes de chegar a ese punto xa pactara de novo e por partida dupla co grupo do PP, desta olta para retirarlle competencias ao Goberno que preside o socialista Darío Campos.

"A impaciencia é prima da soberbia e a soberbia é un pecado capital", proclamou Martínez para advertir que, cando menos de momento, non é legalmente un "tránsfuga", consideración que o BNG lle atribuíu nos últimos días. No entanto, alén da posta en escena, permitiu co seu voto que o PP sacase adiante a moción na que reclamaba reformar o Regulamento da Deputación para trasladar ao pleno parte das competencias da Xunta de Goberno e, no mesmo paquete, regular o uso dos locais que os grupos políticos teñen asignados na institución, entre outros aspectos. 

Segundo a expresidenta e voceira popular, Elena Candia, "esta non é unha iniciativa política", senón un plan para "mellorar o funcionamento da institución", xa que a Xunta de Goberno, di, "non é representativa da vontade da corporación" por estar sustentada unicamente en 12 deputados -os mesmos nos que o PP se apoiou mentres gobernou-. Así, contratacións, concesións ou mesmo obras de urxencia terán que pasar polo pleno grazas a unha iniciativa que recibiu o visto e prace do PP e mais de Martínez tras incorporarlle unha emenda a petición do propio alcalde de Becerreá, consistente en, "visto a situación que se aveciña", mellorar "as condicións de traballo dos non adscritos", isto é, dos deputados coa condición que el ostenta dende este martes. Fíxoo, di, porque terá que compatibilizar o labor de deputado coa de alcalde e mais a de docente.

Martínez votou co PP tras incorporar unha emenda para "mellorar as condicións de traballo dos non adscritos", condición que el mesmo ten de agora en diante

Para o voceiro socialista, Álvaro Santos, o plan do PP non procura "estabilidade", senón "un show" para facer ver que "o goberno non ten capacidade", aínda que isto implique atrasar trámites ordinarios do ente provincial. "Con esta moción -acusa- non veu presentar anda de interese para os cidadáns, veu presentar unha moción de Manolo Martínez". Mentres, para Candia o "espectáculo esperpéntico" é o que está a caracterizar o gabinete de PSdeG e BNG, mentres Martínez fala con "claridade".

Os populares celebran a aprobación dunha moción que, afirman, é un "acordo de mínimos para traballar nunha proposta que recoñeza o pleno como órgano decisivo" e que, na práctica, pode supoñer que os populares poidan condicionar boa parte da acción do Goberno de socialistas e nacionalistas, sempre e cando conten co apoio de Martínez. Daríase así o escenario de que as iniciativas e mesmo os orzamentos poderían ser ditados por un PP que, no entanto, en ningún caso poderá tombar o goberno mediante unha moción de censura, xa que non conta cos votos que a lei esixe para facelo.

Martínez, lendo unha nova da prensa ao inicio do pleno CC-BY-SA Praza Pública
Candia, amosando o texto da moción que foi aprobada CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.