Dimite en pleno o comité ético de Ourense antes de ditaminar sobre o caso Baltar

Xuntanza do comité ético da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Medra a presión sobre José Manuel Baltar desde case todas partes, agás dende a cúpula do PP de Galicia. Apenas unhas horas despois de recibir de novo o amparo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que na sesión de control parlamentaria amparou de novo o barón ourensán ante a denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo, Baltar atopouse cun novo e elocuente obstáculo. O comité de ética da Deputación de Ourense, que el mesmo convertera en emblema da súa xestión, dimitiu en pleno mentres abordaba, precisamente, o propio caso Baltar.

Este organismo estaba formado por catro membros que nunca tiveran que tratar ningún asunto específico -alén das súas reunións ordinarias-. Os seus compoñentes até este mércores eran Miguel González, en representación do Colexio de Avogados de Ourense, Jesús Branco, do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, Enrique José Varela, representando á organización Transparencia Internacional, e Antonio González, designado para esta función pola Universidade de Vigo.

A dimisión deste catro profesionais -o quinto membro, un funcionario da Deputación, abstívose neste asunto pola súa proximidade co presidente-, adiantada por Europa Press e confirmada por eles mesmos, prodúcese despois de comezar a abordar a denuncia de emprego por sexo a instancias do Grupo Provincial Socialista, e tras recibir por escrito a resposta de Baltar sobre o asunto. Os motivos concretos da dimisión quedaron reflectidos na acta da última reunión deste órgano, cuxos exmembros confían en que a propia Deputación faga pública. Se non o fai, non desbotan publicala eles mesmos.

Os motivos da marcha ficaron reflectidos na acta, que os dimisionarios agardan que a Deputación fagan pública

Tal e como se anunciou no momento da súa creación, as funcións deste Comité de Ética son "velar polo cumprimento do Código Ético e de Conduta da Deputación de Ourense", presentado por Baltar como unha das medidas estrela do seu mandato. Entre os preceptos desta norma figura que os cargos públicos da institución deben exercer a "exemplaridade" e, por ser o "espello en que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación". Do mesmo xeito, o código estipula que os cargos políticos teñen que "promover a igualdade de mulleres e homes", "garantir un trato igual sen discriminación" en todos os seus actos e "asumir responsabilidades políticas ou xestoras" se cometen unha "mala ou equivocada decisión".

"Tócalle dimitir a Baltar"

Tras o anuncio da dimisión unánime non se fixeron esperar as reaccións en clave política. A primeira chegou desde NÓS, a candidatura na que participa o BNG nas eleccións xerais. A formación "esixe" que o ente provincial "publique" de inmediato a acta para "coñecer as razóns que levaron aos membros do comité a adoptar unha decisión que evita que o comité se pronuncie sobre un feito de extraordinaria gravidade". A Baltar, indican, "xa non lle quedan máis escapatorias políticas" e, mentres Feijóo "mira cara a outro lado", en Ourense "xa non queda ninguén máis por dimitir: tócalle dimitir a Baltar". "Unha ocasión excelente" para que Baltar "lisque" pode ser a sesión que a Deputación celebrará este venres, na que se debaterá unha moción na que o Bloque insta a que se cumpra a reprobación ao presidente, aprobada no anterior pleno, ao que o PP non acudiu.

"Isto é un esperpento"

"É lamentable que o comité de ética dimita antes que o presidente"

Á espera de obter a acta para coñecer en detalle os motivos das dimisións, o voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, ve nos cesamentos "un esperpento máis" dentro dunha situación "politicamente insostible". "É moi curioso -di Gómez- e lamentable que o comité de ética dimita antes que o presidente", o mesmo que impulsou a creación deste órgano para presentarse "como adaíl da transparencia". Seguramente, indica o deputado do PSdeG, os membros do comité, "de acreditada experiencia profesional", estarán "moi arrepentidos de ter formado parte dun paripé, que é no que se converteu".

Dende o punto de vista do PSdeG esta é unha mostra máis de que Baltar "ten que marchar para a casa" no canto de "seguir dicindo que isto ten que dirimirse nos estamentos xudiciais". "Se hai delitos ou non, xa o veremos", pero "politicamente, co seu propio silencio está dicindo que a súa actuación non foi correcta", tal e como amosan as gravacións publicadas por eldiario.es, lembra. Baltar, subliña, non pode seguir "condicionando a normalidade democrática da institución" e debera considerar que "no PP haberá xente capaz de presididir a Deputación con, como mínimo, máis dignidade ca el".

Xuntanza do comité ético da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.