Vídeos | NÓS declama o seu "estar ou non estar" ante unha cachucha

O monólogo de Carme Adán pechará a serie de vídeos CC-BY-NC-SA NÓS

Nas horas previas á campaña electoral e mentres a enquisa do CIS converte a campaña electoral en todo un reto, as candidatas e candidato ao Congreso por NÓS-Candidatura galega seguen a botar man da retranca na carreira cara ás urnas. Desta volta Carlos Callón, Olalla Rodil, Noa Presas e Carme Adán botan man de coñecidos monólogos literarios e cinematográficos para resumir a súa aposta electoral, o seu ser ou non ser.

Hamlet, precisamente, é o que inspira a Callón para, ante unha cachucha que fai as veces da caveira do personaxe de Shakespeare, para recitar o seu "estar ou non estar" e así concluír que "Galiza ten que estar" no Congreso dos Deputados a través de NÓS. A número un da lista lucense, Olalla Rodil, bota man de Blade Runner para reflexionar sobre o sector lácteo e Noa Presas, de Ourense, advirte da necesidade de que o sector agrogandeiro sexa prioritario acompañada dunha pita de peluche.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, que protagonizará o acto de apertura de campaña da candidatura, pechará este venres unha serie de vídeos que, din dende NÓS, procuran "reivindicar solucións propias, sen ataduras, para as cuestións que máis interesan ao país". "Recórrese a un estilo desenfadado e ao humor -resaltan- para explicar propostas do programa ou valores da candidatura".

O monólogo de Carme Adán pechará a serie de vídeos CC-BY-NC-SA NÓS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.