Beiras, Colau e Oltra defenderán con Iglesias un cambio constitucional este domingo

Cartaz da iniciativa © Podemos

O vindeiro domingo 6 de decembro, coincidindo co aniversario da aprobación da Constitución de 1978, Podemos e as forzas coas que se presenta en confluencia en Galicia, Catalunya e a Comunidade Valenciana levarán a cabo actos nos que presentarán os cinco grandes cambios que propoñen para o texto. Iglesias acudirá pola mañá aos actos institucionais organizados en Madrid para conmemorar a efeméride e pola tarde participará nun destes eventos, destacando que "non podemos permitir que o 6D sexa unha data morta na que quen traizoaron o pacto do 78 se dean palmadiñas nas costas, senón unha xornada viva na que a xente se reapropie da Constitución e celebre o seu regreso á historia".

Haberá cinco grandes eventos ás 19 horas: en Madrid, Barcelona, Las Palmas, Valencia e Compostela, protagonizados por Iglesias, Colau, Rosell, Oltra e Beiras

Haberá cinco grandes citas ás 19 horas: en Madrid, Barcelona, Las Palmas, Valencia e Compostela, protagonizados respectivamente por Iglesias (que falará de "democratizar a Constitución"), Ada Colau (que defenderá os "dereitos sociais"), Victoria Rosell (que demandará a "independencia da Xustiza"), Mónica Oltra (que representará a "loita contra a corrupción") e Xosé Manuel Beiras (que defenderá a incorporación á Constitución do "dereito a decidir"). Ademais, organizaranse encontros noutras cidades para seguir as intervencións.

O líder de Anova intervirá dende a Praza do Toural, onde tamén se poderán seguir nunha pantalla os outros catro actos

O líder de Anova intervirá dende a Praza do Toural, onde tamén se poderán ver nunha pantalla os outros catro actos. Dende a mañá, na sede de Compostela Aberta, haberá tamén distintas actividades relacionadas coa Constitución e a súa reforma, que queren servir "para impulsar os cambios" que Podemos e as demais forzas queren introducir, que pasan pola reforma do sistema electoral, a independencia xudicial, a loita contra a corrupción, a blindaxe constitucional dos dereitos sociais e o recoñecemento do dereito a decidir.

Cartaz da iniciativa © Podemos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.