Feijóo evita os mariñeiros do cerco e a ministra Pastor déixao en evidencia

Pastor, atendendo a Abel coa mobilización dos mariñeiros ao fondo CC-BY-SA Praza Pública

MARÍN

Abel Carreño, de Portosín, ten 29 anos. Leva cinco no cerco, desde que se xubilou seu pai, pero toda a súa vida, como a súa familia, está vencellada ao mar. Onte foi o voceiro duns 40 mariñeiros do cerco que se concentraron fronte á lonxa de Marín, na que o PP celebrou un mitin coa ministra e candidata por Pontevedra Ana Pastor e co presidente Feijóo. Ao chegar a comitiva, Abel acercouse aos coches oficiais e respectuosamente encarou a Feijóo e Pastor cunha carta na man. O primeiro non se detivo e entrou no lugar do mitin mentres que a ministra, acompañada da alcaldesa popular de Marín, si demorou uns minutos en atender as súas explicacións.

Pastor recolleu o seu escrito, escoitou a súa queixa de que os políticos non prestan atención ao seu problema e mesmo o consolou cando comezou a chorar. E, de súpeto, a ministra preguntou, mirando aos lados: "Onde está Alberto?" O presidente nin estaba nin apareceu.

A ministra e candidata atendeu as reclamacións dun dos mariñeiros antes dun mitin en Marín mentres o presidente o eludía: "Onde está Alberto?", chegou a preguntar

Abel dá unha posible explicación á fuxida de Feijóo en conversa con Praza Pública. "Eu fun o mesmo que tentou entregarlle unha carta no acto que tivo en Madrid no Club Siglo XXI e xa non me quixo atender" , di.

Tras a entrega da carta, Abel retirouse uns metros, cara ao lugar no que estaban o resto dos seus compañeiros, que, como comprometeran, unha vez que foron atendidos, deixaron de facer o ruído que ameazaba con dificultar o mitin popular.

Xa no mitin, a ministra criticou o goberno local de Madrid porque, segundo reflectiron algúns medios nos últimos días, quere facer que os nenos recollan cabichas do chan. Definiuse, asemade, como unha persoa "de pobo" fronte a outros de cidade que ao seu xuizo queren facer desaparecer as vilas.

A ministra e candidata, conversando con Abel CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.