Comparador de datos: Galicia tras catro anos con Rajoy

Feijóo, vendo o debate entre Rajoy e Rubalcaba na campaña de 2011 CC-BY-SA PPdeG

Son días de contrapoñer proxectos políticos e de avaliar a xestión de quen gobernou nos últimos catro anos; neste caso, o PP. Tanto Mariano Rajoy como os seus representantes en Galicia, a comezar por Alberto Núñez Feijóo, veñen reiterando durante a campaña electoral que o Estado en xeral e a poboación galega en particular está, en termos xerais, mellor que antes. Apelando esencialmente á economía os conservadores afirman que só resta que "a recuperación sexa completa e chegue a todos".

O PP, gabábase hai poucos días Feijóo, "logrou todo o que parecía imposible hai catro anos", como "creación de emprego, mellora dos servizos públicos, recuperación das contas públicas e baixadas de impostos". Pero, que din os datos se os ollamos polo miúdo? No comparador que presentamos baixo estas liñas podes navegar por unha quincena de datos que, datados en 2011 e 2015 e tirados de fontes oficiais, amosan a evolución de Galicia durante a lexislatura estatal que agora remata. Para consultar cada un deles só debes elixilo no menú despregable da esquina superior esquerda.

As unidades

Datos como a poboación, o paro, a poboación activa, ocupada ou afiliada á Seguridade Social están expresados en número total de persoas. O crecemento económico e a evolución de contratos temporais e indefinidos indícanse en termos porcentuais. As cantidades relativas aos salarios están expresados en euros brutos ao mes e os prezos do leite, en euros por cada 100 litros. Os depósitos e créditos bancarios e máis a débeda da Administración pública galega están expresados en millóns de euros.

Os datos indican que en 2015 hai menos persoas no paro, pero tamén menos persoas con traballo en Galicia que en 2011

A maior parte destes datos refírense ao mundo laboral, no que as grandes cifras experimentaron unha evolución que tamén pode ser consultada no gráfico baixo estas liñas. Este amosa que, tanto segundo a Enquisa de Poboación Activa como atendendo ás inscricións nas oficinas de emprego -paro rexistrado-, no remate deste 2015 hai menos persoas no paro, pero tamén menos persoas con traballo que cando Rajoy comezou a gobernar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.