O PP chega ás urnas en cabeza malia caer 17 puntos dende 2011

Mitin de Mariano Rajoy © PP

O PP cae, e moito, pero segue en cabeza. A apenas dez días das eleccións xerais o partido que lidera Mariano Rajoy segue á fronte das enquisa electorais e sería a forza máis votada malia caer máis de 17 puntos a respecto da súa maioría absoluta do ano 2011. É o primeiro dos trazos da radiografía que traza O Mirante, o panorama electoral que realiza o analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego e no que desta volta se amosa un empate técnico na segunda posición entre PSOE e Ciudadanos, así como un certo ascenso de Podemos grazas ás súas coalicións territoriais.

Segundo a análise de todas as enquisas publicadas a través do método house effects -un promedio da 'cociña' de cada casa demoscópica-, os populares afrontan a recta final da carreira electoral co 27,1% dos votos, 17 puntos menos que en 2011 pero 7 puntos por riba do PSOE, que co 20,9% estaría practicamente á par con Ciudadanos, cun 20,5%. Traducido a escanos, os de Rajoy lograrían entre 114 e 123 asentos no Congreso -entre 60 e 70 menos que na actualidade-, os socialistas ficarían entre 78 e 86 -agora ten 110- e os de Albert Rivera debutarían con entre 63 e 71.

A cuarta forza, atendendo a este modelo de análise, sería Podemos. A revitalización mediática de Pablo Iglesias e, sobre todo, as coalicións territoriais como En Marea, En Comú Podem (Catalunya) e Es el Moment (Comunitat Valenciana), que concentran un voto antes disperso e prexudicado pola lei electoral, fai que os inquéritos lle outorguen ao partido un 16,3% dos votos. Son case tres puntos máis que hai un mes e un montante global de entre 43 e 49 escanos, suma que inclúe os posibles grupos que as devanditas plataformas prevén formar no caso de lograren apoio cidadán dabondo.

PSOE, En Marea e Ciudadanos pugnan pola segunda posición nas circunscricións galegas

Así as cousas, o remate da campaña está marcado polos esforzos do PSOE para parte do voto de centro-esquerda con risco de marchar cara a Ciudadanos, que avanza nas provincias menos poboadas, as que, como Lugo e Ourense, reparten moi poucos escanos que tradicionalmente se distribuían entre os socialistas e o PP, grazas aos pluses que lles outorgaba a lei d'Hondt. Asemade, os socialistas corren o risco de seren superados por Podemos e as súas coalicións. No caso galego un PP debilitado segue en cabeza mentres PSOE, En Marea e Ciudadanos pugnan pola segunda posición por, nalgúns casos, moi escasas diferenzas.

NÓS tería entre 0 e 1 escano, segundo o promedio de enquisas

Neste contexto, as enquisas máis recentes -que xa contemplan opcións como En Marea- debuxan un mapa electoral galego cara ás xerais cunha caída da opción de voto ao BNG, que cumpriría traducilo como apoio a NÓS-Candidatura Galega (boa parte dos respectivos traballos de campo realizáronse antes do rexistro da marca electoral da plataforma). Segundo estes inquéritos, a coalición soberanista estaría ao bordo da representación parlamentaria, con entre 0 e 1 escano pola provincia da Coruña.

Bipartidismo en retroceso nun Congreso de dereitas

Todos estes números bosquexan un panorama no que a suma do voto a PSOE e PP se estabiliza en menos do 50%, nomeadamente, nun 48% que os deixa moi lonxe do 72% de hai catro anos e máis preto do seu mínimo demoscópico, o 46% de comezos de 2015. As alcumadas como forzas "emerxentes", Ciudadanos e Podemos, acadan un máximo nas enquisas e, ao tempo, sitúanse no centro de enormes niveis de indecisión. Os prexudicados por esta irrupción non serían só socialistas e populares, senón tamén outras organizacións de menor dimensión, como IU e a súa coalición Unidad Popular, ou non estatais, caso por exemplo de Geroa Bai, Més ou o propio Bloque.

Os estudos demoscópicos amosan un nivel de apoio á dereita equiparable ao logrado no marco da maioría absoluta de Aznar

A outra cara da moeda desta reestruturación política é que o voto ás forzas situadas, segundo as enquisas, á dereita do espectro ideolóxico, sería maioritario fronte á esquerda, toda vez que a maioría dos votantes de Ciudadanos ubican esta forza á dereita. Atendendo a esta variable, a esquerda tería un 47% fronte a un 53% da dereita, o máximo nivel conservador en tres anos e só inferior ao do ano 2012, cando o PSOE estaba no seu peor momento tras a saída do goberno e Podemos aínda non existía. Este nivel de apoio á dereita só é comparable ao do ano 2000, no marco da maioría absoluta do PP de José María Aznar.

E, cal é a explicación para este aumento do voto á dereita? A análise das enquisas amosa dúas vías de análise: unha dereita moito máis mobilizada que a esquerda ou a irrupción de Ciudadanos entre o electorado de centroesquerda. É a segunda opción á que se apuntan a maioría das cociñas demoscópicas as cales, no entanto, tamén poderían estar inchando a suma de PP e Ciudadanos e a súa hipotética maioría absoluta en escanos do Congreso. As respostas, o día 20.

Pedro Sánchez e Besteiro, no mitin da Coruña © PSOE
Membros de Podemos observan a intervención de Beiras no nome de En Marea, o pasado domingo © Podemos
Cabezas de lista de NÓS CC-BY-NC-SA NÓS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.