O xulgado admite a trámite a denuncia de emprego por sexo contra Baltar e pide copia das gravacións

A vicepresidenta, entre Baltar e Barreira apostando polo terceiro escano © PP Ourense

O xulgado de instrución número 3 de Ourense vén de citar a muller que denunciou a José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, para que declare sobre a súa acusación sobre o tamén presidente do PP provincial, ao que denunciou por terlle ofrecido un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais con ela. 

A Fiscalía arquivara o caso, pero a xuíza admite agora a denuncia e pide ao Ministerio Público unha copia das gravacións

A Fiscalía arquivara o caso ao non ver delito, pero agora a xuíza inicia as pescudas logo de que a muller acudise directamente ao xulgado pola vía da instrución nunha segunda denuncia. Ademais, a maxistrada pide ao fiscal que lle achegue unha copia das gravacións coas conversas entre a muller e o político e que fixera públicas en exclusiva eldiario.es

Este novo avance no caso -a aceptación da denuncia, a citación da muller para declarar e a petición á Fiscalía das gravacións- colocan a José Manuel Baltar nunha complicada situación logo de que o arquivo das dilixencias de investigación por parte do Ministerio Público alimentase as súas esperanzas de que todo quedase en nada. De feito, o PP dera o caso por "pechado" e mesmo o presidente da Deputación anunciara, sen citalos, que membros da oposición lle pediran desculpas. Pero o proceso segue en plena campaña, na mesma onde incluso a vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, acompañou o presidente da Deputación nalgún acto. 

A demanda xudicial da muller ampliara o relato dos feitos, que é máis exhaustivo. Así, por exemplo, a denunciante explica no seu escrito que coñeceu a Baltar no marco do congreso no que foi designado presidente provincial do PP en substitución do seu pai, José Luis Baltar, o mesmo no que votaron as 104 persoas que, segundo a Xustiza, foron enchufadas polo patriarca do clan na Deputación poucos días antes do conclave.

A denunciante tentará agora poñer sobre a mesa elementos como as mensaxes de móbil intercambiados co barón ourensán e os cales, asegura sorprendida, non lle foron requiridos polo fiscal, se ben este asegura que os tivo en conta. Deste xeito, está agora en mans do xulgado decidir se ten en conta o que a denunciante presenta como probas e se, como ela reclama, cita a Baltar a declarar.

De ser citado, unha das posibilidades sería que o fixese en calidade de investigado, o que popularmente se segue coñecendo como imputado, por presuntos deltios de acoso sexual, prevaricación e violencia de xénero, os aludidos pola demanda. A ausencia de accións xudiciais contra Baltar foi o parapeto empregado por Alberto Núñez Feijóo para non emprender accións contra el no seo do PP galego nin reclamarlle a súa marcha da presidencia da Deputación.

A vicepresidenta, entre Baltar e Barreira apostando polo terceiro escano © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.