Sen lentes, mirando para o chan con coidado de non tropezar, chegou Mariano Rajoy ao mitin que na tarde deste mércores ofreceu na Coruña, o seu primeiro acto tras a agresión que sufriu dun mozo durante un paseo electoral por Pontevedra. Algo máis de dúas horas despois, sorrindo e arroupado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, Rajoy obviou durante a súa intervención calquera referencia á agresión. Nada dixeron tampouco os outros tres cargos populares que inteviron con el no Pazo de Congresos da Coruña. A súa cara sen gafas era un recordatorio permanente.
Rajoy iniciou o seu discurso lembrando o seu ascenso no PP en Galicia antes de chegar a Madrid e asegurando que o seu partido foi creado desde a base. “Non somos produto dunha operación de márquetin”, dixo, para engadir que “sempre gañamos as eleccións aquí porque somos un gran partido pegado á terra, o que se parece a Galicia e mellor representa os intereses de Galicia”.
Rajoy continuou salientando as dificultades que se atopou ao chegar a La Moncloa. “Gobernar é moi difícil”, dixo, e eloxiou os servizos públicos de que desfruta España malia a crise. Nesa fase estaba, falando en particular da sanidade, cando lembrou que “unha muller”, en referencia á enfermeira galega Teresa Romero, resultou infectada de ébola en España “e foi a un hospital público e non lle cobraron”. Porén, o presidente obviou que esa muller contaxiouse por ser enfermeira precisamente nese hospital.
“Estou nun gran momento, atópome moito mellor que hai catro anos, máis convencido das posibilidades do meu país, con máis ganas, con máis ilusión e con máis forza, e necesito que me apoiedes para gañar as eleccións o próximo domingo”, rematou Rajoy o seu discurso.
Única posible referencia, no discurso de Feijóo
Antes do presidente do Goberno central interveu no mitin Feijóo, quen centrou o seu discurso en salientar que Rajoy é galego e, só por iso, a mellor escolla para os votantes galegos. Del dixo que é o político “con maior carreira política de España” e polo tanto, engadiu, “non está aquí para facer carreira política senón para servir a España”. Rajoy é, ao xuízo de Feijóo, “garantía da estabilidade institucional”. Nesa liña, o presidente galego salientou a tranquilidade que transmite Rajoy. “Descualificar aos demais non é a súa maneira de ser, non arranxa ningún problema e xa se encargan eles de lincharse entre eles”, dixo, e criticou sen citalo ao socialista Pedro Sánchez por non ser quen de manter a tranquilidade na campaña. A continuación, Feijóo lanzou a única frase que se podería entender como referida á agresión que sufriu Rajoy: “Galicia e España non queren extremismos, agresividade, violencia”.
"España non se pode permitir un goberno das mareas"
Pola súa banda, o cabeza de lista do PP pola Coruña, Miguel Lorenzo, que leu a súa intervención -“creo que o de hoxe é o meu primeiro mitin”, dixo- criticou a “parálise, a propaganda” do goberno local da Marea Atlántica. “España non se pode permitir un goberno das mareas”, dixo. Por último, o líder do PP coruñés, Carlos Negreira, rexedor da cidade ata que o pasado maio Marea Atlántica igualou o seu número de escanos e o desbancou da alcaldía co apoio do PSOE, asegurou que o PP é “o partido favorito de España, de Galicia e da Coruña”. Negreira dedicou boa parte da súa curta intervención a reclamar liberdades políticas para Venezuela e alertar do risco que ao seu xuízo hai de que España acabe igual.
Antes do mitin na Coruña, Rajoy realizou este mércores por Galicia dous paseos para as cámaras acompañado por Feijóo e Pastor en Vigo e na súa cidade, Pontevedra, durante o cal sufriu a coñecida agresión. Antes, mentres aterraba en Peinador, a súa conta de Twitter enviaba un chío: “Llegamos a mi tierra. Comparto con vosotros una foto de la Ría de Vigo. Paisajes espectaculares los de Galicia”.