A froitaría das enquisas electorais censuradas

A froitaría de Electograph CC-BY-SA Praza Pública

O portal Electograph, especializado na análise e difusión de enquisas e análises electorais, bateu este martes contra a censura aínda vixente na lexislación electoral española a respecto das enquisas. Como xa acontecera noutros procesos electorais, El Periòdic d'Andorra, cabeceira de El Periódico de Catalunya no principado pirenaico, anunciou a súa intención de seguir publicando sondaxes, dado que, obviamente, noutro Estado non rexe a prohibición española. Pero Electograph, polo absurdo veto, enfrontaríase a problemas legais se replicaba os inquéritos. 

No entanto, pouco despois de difundirse a primeira sondaxe 'prohibida, na conta de Electograph en Twitter apareceu un chío: unha pinga de auga, un amorodo, unha berenxena e mais un pexego -substituído despois por unha laranxa- acompañados polos seus corresponentes prezos por quilo, valores que casualmente eran máis ou menos semellantes ao apoio en votos que viñan augurando algunhas enquisas nos últimos días para PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos. Despois engadiuse á cesta un tomate, tamén.

A lexislación electoral española censura as enquisas electorais nos cinco días previos aos comicios

Xusto a continuación, a mesma conta explicaba que, no mercado de Andorra La Vella, "entre 104 y 108 postos venden auga. 81-85 amorodos; entre 63 e 67, berenxenas; 57-61 laranxas e 3-5 tomates". Cumpría ter en conta, advertiron previamente, de que "en Andorra, a cotización dos percebes, os calçots e o arroz está ligada á da berenxena". 

Táboa de prezos do mercado deste xoves

Unha vez coñecidas as cotizacións iniciais da auga azul, do amorodo vermello, da berenxena morada, da laranxa e mais do vermello tomate, o mércores repetiuse a operación -despois duns breves problemas técnicos, e este xoves volveu acontecer o propio. E, que di o mercado andorrano? Que a auga anda polos 26,2 e ten entre 108 e 112 postos de venda, o amorodo custa 21 e sérvese en 83 ou 87 postos. A berenxena chega xa aos 20,4, o que lle permite estar presente en 71 ou 75 postos. A laranxa andaría polos 15,9 e entre 50 e 54 tendas, mentres que o tomate sairía máis baratiño, a 3,7, e poderíase adquirir en 2 ou 4 postos.

Ademais de Electograph, tamén outro portal especializado en enquisas, Electomanía, botou man da creatividade. Así, o pasado martes amosou un ranking de gustos musicais, o mércores detallou os Pokémon favoritos en España e este xoves, os agasallos de Nadal que máis están a triunfar.

A froitaría de Electograph © Electograph

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.