Besteiro pide a En Marea que aclare a quen apoiaría no Congreso

Gómez Besteiro, nun mitin durante a campaña © PSdeG

O PSdeG pide a En Marea e Ciudadanos que se aclaren. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este xoves tanto á formación laranxa como á candidatura de confluencia por estar "permanentemente especulando" en lugar de apostar pola "claridade nas propostas e nos obxectivos". 

Besteiro censura a "indefinición importante" de En Marea por non aclarar "que van facer no Congreso e con quen"

Besteiro, logo de asistir a un acto en Vigo, asegurou que En Marea "ten un grao de indefinición importante". "Non sabemos quen son, que van facer no Parlamento e con quen", advertiu o líder dos socialistas galegos, que incide na idea do seu secretario xeral, Pedro Sánchez, de que só unha vitoria do PSOE garantiría o cambio. 

Ademais, Besteiro cre que Ciudadanos "non existe nin quere existir en Galicia". "É imposible facelo peor nunha campaña", insistiu, tras considerar que á formación que lidera Albert Rivera "non lle preocupa Galicia" e que carece de proxectos e propostas para o país ou nin tan sequera apoia os seus investimentos. Por iso, di, "terá unha contestación clara" dos galegos nas urnas o vindeiro domingo. 

O líder do PSdeG cre que Ciudadanos "non existe nin quere existir en Galicia": "É imposible facelo peor nunha campaña"

"Cada vez hai un apoio máis crecente ao PSOE", engadiu Besteiro, que insiste en que é "a única opciòn de cambio", o que "quere a maioría". "As outras opcións non son de cambio e van en contra do que desexa a maioría dos cidadáns", dixo para vovler pedir o voto aos socialistas e "non ter que arrepentirse o día 21". 

 

Rajoy, "acurralado"

En canto ás alusións que á súa situación procesual fixo Mariano Rajoy no debate con Pedro Sánchez, Besteiro considéraas "unha saída á desesperada" por verse "acurralado". O líder dos socialistas galegos, imputado polo caso Garañón, lembra que non é cargo público "nin candidato a nada" e considera que as comparacións "sobran"

Ademais, tamén visitou nest xoves as instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde advertiu de que “o 20 de decembro tamén se vai decidir se queremos máis ou menos sanidade pública” e afirmou que “o PSOE é o único partido que non especula e ten unha posición frontal ás políticas antipersoa do PP”. “Como imos confiarlle a xestión do público a un partido que di que é mellor a xestión privada?”, dixo. 

Gómez Besteiro, nun mitin durante a campaña © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.