Este xoves cumpríanse dous anos dende que, por primeira vez, un bo número de vítimas do accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois se concentraba ante o Congreso dos Deputados para esixir "verdade, xustiza e reparación". Neses vinte e catro meses transcorreu unha instrución xudicial que, tras imputacións e desimputacións de altos cargos, deixou o maquinista do tren como único imputado e, paralelamente, as sucesivas peticións de investigación política bateron coa negativa rotunda do PP e co "non" ou a abstención, segundo os casos, do PSOE. A aprobación desa investigación nas Cortes é unha das materias pendente para a lexislatura que se abrirá tras as eleccións do domingo, na que unha nova maioría podería facilitar a súa apertura.
Este xoves a Plataforma Alvia 04155 volveu ao lugar da primeira concentración, ante o Congreso en Madrid. "Hoxe hai dous anos da primeira foto e semella que nada cambiou; efectivamente, seguimos pedindo o mesmo". No entanto, din, "si hai cambios: fixémonos máis fortes, sacamos á luz verdades ocultas", algunhas a través do documental Frankenstein 04155, que agora xira polas salas comerciais tras triunfar en festivais como Cineuropa.
"Cada vez que saímos temos máis apoios" para, advirten, seguir a "reclamar xustiza", pero non só nos tribunais. Na nova lexislatura seguirán a exisir "unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas nun país onde nunca dimite un político". "Témolo difícil, pero a sociedade vai ver o engano e a falta de xustiza en catástrofes como a nosa", aseguran. Para lograr ese obxectivo, a apertura da comisión que se lles negou tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia, lograron xa recabar o compromiso das forzas que xa a viñeron apoiando nestes dous anos -no caso galego, AGE e BNG-, e tamén das formacións que, segundo as enquisas, terán peso relevante dende o 20-D, Podemos e Ciudadanos.
Ademais das forzas que xa a apoian, como o BNG, as vítimas lograron o compromiso de Podemos ou Ciudadanos
As vítimas apelan á memoria das 80 persoas que perderon a vida en Angrois e ás secuelas que aínda arrastran máis dun cento de vítimas que resultaron feridas para reiterar a necesidade de coñecer "a verdade" e mesmo obter a petición de "perdón". "Non se produciu dimisión nin destitución de quen estaban e están á fronte do Ministerio de Fomento nin das empresas públicas Adif e Renfe", as mesmas cuxos responsables chegaron a estar imputados por dúas veces mentres instruíu o xuíz Aláez un procedemento xudicial que, tal e como detallou este diario, estivo inzado de erros e demoras.
A plataforma esixe "depurar responsabilidades políticas" e aclarar asuntos como a desactivación do freado automático
No caso de abrirse esa comisión de investigación, din as vítimas, habería que ir alén do erro humano que, obviamente, se produciu na curva da Grandeira. Entre as responsabilidades que cómpre depurar, detallan, están as vinculadas á desactivación do sistema ERTMS de freado automático, a premura en inaugurar a liña Ourense-Santiago en decembro de 2011, o aviso do xefe de maquinistas de Ourense sobre a falta de seguridade na curva antes de que se producise o accidente e mesmo as características técnicas do propio tren Alvia que, segundo diversos expertos, foron tamén determinantes no descarrilamento por cuestións como o seu peso.
Nesta campaña abriuse ás présas un novo treito do que será o AVE a Galicia
Todas estas peticións chegan tras unha campaña na que o accidente de Angrois estivo, agás excepcións, practicamente ausente. No entanto, e como avanzou Praza, nesta carreira electoral o Ministerio de Fomento aproveitou para, novamente ás présas, poñer en servizo este xoves un novo treito do que, nun futuro, será o AVE a Galicia.