Sete preguntas para vivir unhas eleccións na encrucillada

Histórico de resultados porcentuais das xerais en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A historia da música popular é como unha dobre hélice.
Ou sexa, son dúas ondas que se entrecruzan.
Cando un movemento musical descende, outro ascende.
Agora mesmo estamos nun cruce. Nunha fenda.

Tony Wilson en '24 hour party people'

1.Somos apóstolos do voto útil?

Despois desta tensión electoral e postelectoral, do primeiro que haberá que analizar é como consumimos enquisas. Algo está a cambiar. Non só en cantidade senón tamén en calidade. Xa non vale calquera sondaxe. Aínda que se publique case de todo, os expertos independentes teñen espazo para contestar os titulares e ás cociñas dos grandes medios. Aí están, por exemplo, Carlos Neira en Galicia, e Pepe Fernández-Albertos ou Pablo Simón, nos datos do conxunto do Estado, para matizar e interpretar o número de resultados cruzados que se publican. O xornalismo de datos tamén pode dar informacións teledirixidas. O que non é novo é o interese do elector pola última enquisa que empurra ao seu partido. A diferenza está en que agora todos temos o noso altofalante particular nas redes sociais para simular que estivemos no futuro e vimos o que ocorría. É unha chamada vía Twitter ao efecto “bandwagon”, ou “subirse ao carro”. É, no fondo, apelar ao voto útil da nosa preferencia: o desexo de subliñar que a nosa papeleta favorita vai ter representación a pesar da barreira natural que impón o tamaño da circunscrición.

2. Realmente é o veciño o que elixe ao alcalde e é o alcalde o que quere que sexan os veciños o alcalde?

Das catro circunscricións galegas, dúas son medianas (A Coruña e Pontevedra) e dúas pequenas (Lugo e Ourense). Como contou David Lombao hai un par de meses, a partir das eleccións de 1996, Lugo pasou de cinco a catro escanos. Desde entón só PPdeG e PSdeG-PSOE conseguiron representación. Nas eleccións de 2000, o BNG quedou fóra cun 16,17% dos votos. Paralelamente, Ourense perdeu o escano a partires das eleccións de 1989. Os nacionalistas tampouco obtiveron representación como terceiro partido cun 16,96% en 2000. Na Coruña e Pontevedra bastoulles con menos do 12%. Iso é o efecto da barreira natural, lonxe da barreira legal do 3% que NÓS propón eliminar no seu programa electoral.

Os estudos inciden máis na importancia da circunscrición pequena, como responsable da desproporcionalidade, que no método d’Hondt

Pero a porcentaxe mínima para ter representación vai baixar. Segundo a maioría de enquisas, En Marea entraría nas provincias orientais con porcentaxes que van do 11% (Lugo) ao 14% (Ourense). Os estudos para mellorar a representación no noso sistema electoral inciden máis na importancia da circunscrición pequena, como responsable da desproporcionalidade, que no método d’Hondt, ao que NÓS acusa no seu programa de “beneficiar aos grandes”. É a primeira vez que todos os partidos falan de reformar o sistema electoral. En Marea e NÓS propoñen unha circunscrición autonómica. O PP só fala de reformar o sistema electoral municipal, e faino para “respectar a vontade maioritaria dos veciños garantindo, ao mesmo tempo, a estabilidade dos concellos”. É esa demanda recorrente dos populares de que goberne a lista máis votada, e que xurdiu con forza bizarra esta campaña en Benavente (Zamora), cando Rajoy recitou o seu trabalinguas do veciño e o alcalde. Pola súa parte, o PSdeG-PSOE di, textual e conciso, “mellorar a proporcionalidade” con listas desbloqueadas. A proposta de Ciudadanos é, sen rodeos, o modelo alemán. ¿E isto que quere dicir? Que o elector dispón de dúas papeletas, unha con escanos unipersoais, ao candidato da súa circunscrición, e a outra con lista de partido desbloqueada para todo o Estado, na que se poderá establecer a orde dos candidatos. O Congreso comporase dunha metade con deputados de circunscrición e a outra metade con deputados de lista, cunha compensación entre ambas. En todo caso, os partidos que se refiren expresamente a unha modificación da circunscrición avogan por desfacerse da provincia, o causante real da desproporción.

3. ¿Son as eleccións máis raras na historia da democracia?

Unha máxima da análise electoral é que debe terse en conta non só a elección anterior, senón tendencias a máis longo prazo. No caso destas, os resultados de 2011 non parecen de hai catro anos, senón doutro espazo e outro tempo, tanto para o conxunto do Estado como para Galicia, onde só había tres partidos en competencia real e un PPdeG superando o 50% dos votos. Estamos ante unhas eleccións xerais distintas ao que coñecemos, pero tecnicamente non serán críticas ou de realiñamento, de non ser que os dous novos competidores permanezan en eleccións posteriores.

Vimos algo parecido no terremoto electoral de 1982, cando UCD perdía o goberno en favor do PSOE e cedía o seu espazo electoral a unha emerxente AP-PDP

Vimos algo parecido no terremoto electoral de 1982, cando UCD perdía o goberno en favor do PSOE e cedía o seu espazo electoral a unha emerxente AP-PDP. A entrada de C’s e Podemos -en Galicia En Marea- reparte o pastel electoral en catro anacos, e en cuxa competición polo centro vaise xogar ese realiñamento. Nunha entrevista recente en Vía V Televisión, Jaime Miquel -na que graficamente definiu a PP e PSOE como “a momia facéndose serraduras ao final da película”, diante de tres cabaleiros da momiacracia como Roberto Blanco Valdés, Xosé Luís Barreiro Rivas e Tuco Cerviño- aventurou a prognosticar que o PP sería o máis escorado á dereita e o único que ía abandonar ese centro político, ocupando o espazo do FN francés. É aventurado porque C’s aínda é unha incógnita ata ver resultados, e como se estabiliza un partido feito desde un único núcleo de liderado que potencia o seu crecemento sen apenas estruturas nin figuras emerxentes locais. Máis aínda en Galicia, onde a súa representación está moi lonxe de acaparar ese voto de centro-dereita en poder do PPdeG

4. Se chove o domingo, será moi difícil para moita xente?

Parece ser que o domingo vai chover. O que non é tan evidente é que a chuvia afecte tanto á participación en Galicia. O que si ten claro a investigación electoral é que a participación sobe cando hai máis competitividade, e nestas eleccións está asegurada. A competitividade é a distancia entre o primeiro e o segundo, ou sexa, a menor distancia maior competitividade. Nas eleccións do 20D no se sabe nin quen vai quedar segundo. Os novos partidos pelexan por captar non só ese centro onde se xogan moitos votos, senón tamén polo novo votante; o que por primeira vez ten idade de votar e o que ata de agora non o fixo.

A participación sobe cando hai máis competitividade, e nestas eleccións está asegurada

Historicamente, o índice de competitividade non adoitaba coincidir en Galicia e en España en eleccións xerais. Cando en Galicia era moi baixa, no conxunto do Estado era alta e viceversa. Ata as eleccións de 2004. A partir de aí van parellas. Esas oscilacións, que os analistas atribúen ao aprendizaxe democrático, non coinciden coas teses de relación directa entre competitividade e participación ata os anos 90 en Galicia. Isto pode ter máis que ver, como indica Anxo Lugilde n'O outono galego: as eleccións autonómicas 1991-2012 cando fala da elevada abstención, coas irregularidades no censo rural e o incontrolable voto CERA ata que se modificou a lei que o regula.

5. Foi a campaña dos youtubers?

Non. Internet favoreceu que os partidos máis pequenos tivesen a súa oportunidade de visibilidade na campaña electoral, pero non a aproveitaron todos igual. NÓS - Candidatura Galega deseñou unha estratexia de reforzo do seu votante tradicional. Rexeitou ao votante mediano e o enfrontamento directo coas outras formacións, agás co PPdeG -por ser o partido de goberno- e C’s, o seu oposto en ideoloxía e modelo territorial. A súa campaña está creada para un elector específico: novo, urbano (e rururbano) que defende os valores políticos clásicos del nacionalismo galego e está identificado cos seus sectores produtivos tradicionais. Un elector que, precisamente, ve como un ataque a eses valores as propostas dos partidos máis afastados no arco ideolóxico. O vídeo central -Porque este soño é necesario para un soño-, gravado na Casa de Xantar Silveira en Compostela, está feito para que o votante se sinta orgulloso da súa opción e o difunda como aceno de identidade. A terra é, literal e simbolicamente, a protagonista.

NÓS e En Marea non se buscaron durante a campaña, nin para ir xuntos nin para pelexar polo seu votante. Esa batalla quedou en mans da infantería e os comentaristas en Internet, onde si houbo fogo cruzado. Carlos Callón, en entrevistas e discursos para televisión, e “Mini”, en interpretacións líricas das esencias, focalizaron a atención dunhas listas que aproveitaron o acerto na elección dos candidatos en primarias. C’s, en Galicia, tamén fixo un proceso de primarias, pero a súa campaña foi totalmente oposta en todos os sentidos. Escondeu os seus números un provinciais -especialmente o da Coruña e especialmente despois dunha intervención delirante en “Vía V”- e impediu que, polo menos algún deles, servise de enlace entre o votante galego e o líder.

NÓS e En Marea non se buscaron durante a campaña, nin para ir xuntos nin para pelexar polo seu votante

A última semana de campaña foi máis estraña se cabe. Ausente no mitin central da Coruña, Rivera mandou a Inés Arrimadas e Marta Rivera de la Cruz, sen deixar que os seus candidatos galegos falasen cos asistentes nin coa prensa, poñendo en evidencia os problemas da organización cando ten que delegar nos seus líderes territoriais. En Marea, coas súas listas cremalleira configuradas a toda velocidade, confiouno á forza emerxente que arrastra a marca, ás súas alcaldías urbanas da provincia da Coruña e a presenza dos líderes de Podemos con máis tirón. Pero tampouco escolleu un protagonista galego que representase o máis parecido a un líder para un parlamento que vai estar moi fragmentado. Pese a que compiten polo mesmo espazo, En Marea non se enfronta a NÓS. A súa campaña nas redes deseñouse para activar a novos votantes e converter aos doutras opcións. As campañas de PSdeG-PSOE e, sobre todo, PPdeG foron defensivas e minimizando danos. Nada que ver con aqueles multitudinarios mitins nos que se invitaban aos políticos máis coñecidos en Madrid e se facía demostración de militancia numerosa. A puñada que recibiu Rajoy en Pontevedra eclipsou o seu mitin central na Coruña, pero Feijóo deixounos un christmas antes de rematar a campaña.

6. É a fin do bipartidismo?

O CIS sitúa a suma dos dous partidos maioritarios por baixo do 50% (49,4%) en España. En Galicia, en intención directa de voto, en torno ao 34%. Segundo esta mesma sondaxe preelectoral, o PSdeG-PSOE deixaría de ser segundo e sería superado por En Marea. Se isto se confirma, Galicia racharía co bipartidismo e sería a primeira vez nunha eleccións xerais que PPdeG e PSdeG non ocupan as dúas primeiras prazas. En democracia, Galicia e o conxunto do Estado levaron una evolución de concentración parecida e en constante crecemento. En Galicia, só en dúas eleccións estivo por debaixo da estatal. A primeira vez foi en 1982, o ano que Felipe González obtivo máis de 10 millóns de votos mentres aquí aínda resistían os estertores de UCD, onde sacou 5 dos seus 11 deputados totais. A segunda foi en 2000, cando o BNG vivía os seus mellores momentos electorais e lideraba a oposición no Pazo do Hórreo. O bipartidismo está tocado, pero aínda non o veremos afundir

7. Un vello é un vello cando fai cousas de vello?

Segundo Joe Crepúsculo, nada envellece máis que pensar que nos facemos vellos. Panebianco di algo parecido pero falando de partidos políticos. Na organización dos partidos é fundamental o “peso do pasado”. A importancia do momento fundacional e o seu inmediato desenvolvemento marcan o futuro da organización. É case un modelo xenético no que a orixe o define todo. Iso non quere dicir que os partidos non evolucionen, pero esa evolución virá porque fóra da organización están ocorrendo cousas que acabarán afectando á estrutura interna, incluídos os cambios xeracionais que socavan o poder das vellas elites.

Panebianco non falaba do Bloque, aída que o pareza. Os nacionalistas foron superados por AGE nas últimas eleccións galegas, por Podemos nas europeas, e por partidos de confluencia nos concellos urbanos de Galicia, excepto Pontevedra. O Bloque móvese, pero o peso do pasado está aí. Os novos partidos xogan esa baza. Presumen de non ter pasado. E, se o teñen, como no caso de C’s, desvincúlanse del sen ningún problema. Durante a campaña, os vellos partidos chegaron a reivindicar tanto a súa propia historia que ata se atribuíron logros que no lles correspondían.

A nova e a vella política non funcionan como ruptura na mentalidade do votante

De todos os xeitos, a nova e a vella política non funcionan como ruptura na mentalidade do votante. Segundo se afirma en Aragón es nuestro Ohio, libro do colectivo Piedras de papel, os votantes optan primeiro polos partidos que están máis preto da súa ideoloxía, e despois escollen entre o novo e o vello dentro desa preferencia.

Tony Wilson (Steve Coogan), na película de Michael Winterbottom “24 hour party people”, non só definía a historia da música popular en relación co “son Manchester”. Estaba falando dun cambio de modelo; de como se vive no momento da fenda, cando as vellas estruturas caen, lentamente, e as novas emerxen. Aí estamos agora. Nunha encrucillada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.