Fagamos política-ficción. Que pasaría se os resultados desta noite se repetisen nas eleccións autonómicas do vindeiro ano. Esquecendo que cada convocatoria electoral é distinta, cal sería o Parlamento galego resultante? Extrapolando os datos dos comicios xerais deste 20 de decembro, o Partido Popular obtería 32 escanos (nove menos que na actualidade), por 6 de Ciudadanos. É dicir, entre as dúas forzas poderían sumar 38 escanos, acadando a maioría absoluta na cámara.
En boa medida esta maioría absoluta sería posible pola desaparición dos actuais 7 escanos do BNG, ao ficar Nós-Candidatura Galega por debaixo do 5% (mínimo esixido para acadar representación) en todas as circunscricións.
Pola súa banda, En Marea obtería 19 escanos (doce máis dos que acadou AGE en 2012) e o PSdeG-PSOE mantería exactamente os 18 deputados que ten na actualidade.
A hipotética maioría absoluta de populares e laranxas estaría asentada nas provincias orientais, ao sumar o PP 7 dos 15 escanos en xogo en cada unha, e Ciudadanos outro máis. Na Coruña e sobre todo en Pontevedra, o dominio das forzas de centro dereita sería máis axustado.