O PP perdeu un 30% do seu voto urbano galego nas xerais

Feijóo, Rajoy, Pastor e outros cargos, en Vigo durante a campaña CC-BY-SA PPdeG

Unha parte nada desdeñable da vitoria do PP de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións galegas de 2009, así como do 'tsunami' conservador nos comicios municipais e xerais de 2011, tamén en Galicia, tivo a súa base nas cidades. Nos seus anos de oposición ao bipartito da Xunta os populares lograran recuperar apoio urbano e atraer sectores que naquela altura puidesen sentirse atraídos por opcións como a de UPyD, desenvolvendo para isto estratexias como a da denuncia dunha suposta "imposición" do galego ou o apoio á asociación denominada Galicia Bilingüe. Media década despois e tras o devalo nas municipais de maio, as xerais veñen de deixar o PPdeG cunha merma de en torno ao 30% dos votos a respecto dos comicios de catro anos antes.

A maior caída foi a de Vigo, onde os populares deixaron de ser primeira forza

Entre as liñas destacadas no argumentario dos de Feijóo tras o 20-D figura que o partido é a forza máis votada en seis das sete urbes do país -en Vigo, o maior número de sufraxios foi para En Marea-. Isto, efectivamente, é certo, como é posible comprobar na gráfica que acompaña esta información. No entanto, non o é menos que a formación conservadora non pasou do 36% dos apoios en ningunha cidade e, asemade, en todas elas, con perdas de votos que van dende o 23% de Ourense, onde mellor aguantou, ata o 32,23% de Vigo, cidade na que a caída popular estivo por riba da media das cidades, caso no que se atopan tamén Ferrol e Lugo.

Paradoxalmente, a cidade galega na que o PP máis caeu a respecto das anteriores xerais, Vigo, foi tamén na que tivo máis votos en termos absolutos e a única na que non é primeira forza. Como no caso vigués, tamén na Coruña os populares experimentan un devalo notable, e dende os comicios xerais de 2011 non volveron superar os 50.000 votos. Nas outras cinco cidades, de menor dimensión poboacional, Ourense segue en cabeza en votos absolutos ao PP, Lugo e Santiago levan traxectorias semellantes e Pontevedra e Ferrol, como en termos de poboación, figuran tamén un chisco por debaixo. En todas elas, a tendencia é descendente.

Alén das caídas do PP, outra das conclusións que as xerais deixan nas cidades galegas é o asentamento do espazo das mareas como segunda forza e primeira da esquerda -agás Vigo, onde ficou en cabeza, moi por riba da posición lograda pola Marea viguesa nas municipais. Onde máis preto do PP quedou En Marea foi na Coruña, onde a diferenza entre ambas formacións foi dunhas 6 décimas e menos de 1.000 votos. Tamén ficaron próximas en Ferrol, a menos de dous puntos. A distancia foi maior en Santiago e máis ampla aínda nas cidades do interior.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.