Beiras insta a "cercar" o PSOE para evitar o goberno do PP e ve "posible" que o BNG entre en En Marea

Coordinadora nacional de Anova en Teo © Anova

A coordinadora nacional de Anova reuniuse este sábado en Teo para analizar uns resultados das eleccións xerais que considera "históricos". A formación nacionalista, integrada na coalición En Marea, considera na súa resolución que os máis de 400.000 obtidos polo espazo de confluencia é unha "demostración palpábel de que os procesos amplos e plurais de unidade popular teñen unha importante receptividade social para liderar o cambio político e social e, xa que logo, marcan o camiño". 

Beiras aposta por "reduplicar a potencia" de En Marea nas autonómicas e ve "posible" unha confluencia co BNG

Ademais, chama á "potenciación" desta "alternativa cidadá real" que supón "unha fiestra de oportunidade para a expresión da unidade popular que continúa aberta". Por iso, Xosé Manuel Beiras, covoceiro de Anova, di apostar por "reduplicar a potencia" de En Marea de cara ás próximas eleccións autonómicas e ve "posible" unha confluencia co BNG, logo de que non callara hai tan só uns meses. "Iso non foi posible", dixo o histórico dirixente nacionalista aos medios, pero "é posible agora". 

Para Anova, tal e como di na súa resolución, o obxectivo non é outro que "acadar a maioría no Parlamento galego" e, aínda antes, "facer todo o posíbel para sacar o PP do goberno do Estado". "Colaborando se é que se dá a oportunidade, nun gran pacto de esquerda que blinde os dereitos sociais, que defenda os nosos sectores produtivos e que respecte o dereito a decidir das persoas e dos pobos como máxima expresión da democracia", aclara. 

A formación nacionalista destaca a obtención dun grupo propio para Galicia por parte de En Marea, que "vai ter unha voz propia no Estado para, por unha banda, tratar de solucionar os graves problemas sociais e ambientais do noso país e constribuír a mudar radicalmente as políticas contrarias á maioría social tanto a nivel de Estado coma na propia da UE".

Anova márcase como obxectivos "acadar a maioría no Parlamento galego" e "colaborar para sacar o PP do goberno de España"

Beiras,  nas declaracións aos medios, foi máis aló ao pedir a Podemos e aos seus aliados que lle fagan "un cerco" ao PSOE para que "non caia na tentación" de facilitar a investidura dun presidente do PP. "Sería cavar a súa propia fosa", dilles. O histórico líder advertiu que será "un reto moi difícil" impedir que os populares lideren o Executivo central, polo que instou a presionar os socialistas. "O PSOE ten que escoller entre seguir sendo columna vertebral da restauración borbónica ou recuperar o seu proxecto orixinal, o dun partido republicano, socialdemócrata e federal", dixo. "Ou recupera esa tradición ou pasaralle como ao Pasok", engadiu. 

Beiras advirte ao PSOE de que permitir a investidura dun presidente do PP "sería cavar a súa propia fosa"

Por outra banda, Beiras insistiu en gabar os resultados de En Marea, formación que era "o que agardaba a cidadanía", e destacou os seus resultados nas cidades, especialmente en Vigo, onde foi a máis votada ante uns socialistas que "viñan de arrasar" nas municipais con Abel Caballero. Respecto dos posibles atrancos que se lle poidan poñer á coalición para formar grupo propio, o covoceiro de Anova agarda que o PSOE non intente evitalo. 

Beiras atende aos medios tras a coordinadora nacional Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.