As mareas ollan ás autonómicas pedindo "agrandar" a confluencia e darlle maior participación cidadá

Acto de apoio das candidaturas cidadás a En Marea © Marea Atlántica

"Reduplicar a potencia", "agrandar a confluencia", "constituír unha opción de cambio"... As candidaturas municipalistas e outras forzas e colectivos que se implicaron en En Marea recolleron os exitosos resultados do pasado 20D fixando xa a mirada nas vindeiras eleccións autonómicas. E fano pedindo máis amplitude, pero tamén máis participación cidadá nesa gran confluencia que cren que é "o camiño". 

O último dos chamados é o do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Reunida a súa coordinadora para avaliar os resultados das eleccións xerais, un dos colectivos que pulou pola unidade da esquerda e do nacionalismo pide máis. Así, indica que "máis que a conformidade coa configuración presente" de En Marea, os resultados deben servir "como un compromiso" para apostar por "procesos participativos, abertos e cidadanistas no futuro". 

O Encontro por unha Marea Galega cre que o "urxente" é dotar á candidatura de "procesos participativos" e maior "transparencia"

Consciente das eivas na conformación da candidatura, o Encontro cre que "a tarefa máis urxente que toca emprender" é a de "artellar mecanismos de participación e transparencia que permitan que o éxito electoral se traduza nun empoderamento real da cidadanía que secundou a candidatura". "Que o éxito electoral do 20D dea paso a procesos participativos da man da cidadanía independente e das mareas municipalistas", insiste o colectivo, que pon tamén a ollada nas autonómicas de 2016. 

A Marea Atlántica, que celebrou o día seguinte das eleccións xerais unha xuntanza da súa Rede,  decidiu "encomendarlle ao grupo de traballo de apertura o inicio dos traballos que conduzan á construción dun proceso de confluencia para as eleccións autonómicas de 2016". Así, comezou xa os contactos "con outras iniciativas municipalistas, forzas e plataformas políticas" para "constituír unha opción de cambio que estea en condicións de disputarlle ao PP a maioría no Parlamento de Galicia".

Desde a plataforma coruñesa considérase que os resultados do 20D "demostraron que só un proceso cidadán, feito de abaixo arriba e radicalmente democrático ten posibilidades de gañar a presidencia da Xunta para a xente común". Consideran, tamén, que non se pode "permitir que se deteña o ciclo de cambio que abriu os concellos á cidadanía", polo que se debe "facer o mesmo coa Xunta de Galicia".

Marea Atlántica e Marea de Vigo traballan xa para "construír un gran espazo de confluencia de cara ás autonómicas"

"Rematar con oito anos de políticas de austeridade, destrución de emprego, subasta dos nosos recursos naturais, de privatizar a sanidade, de afogar a quen pasa por unha situación de emerxencia social e de desprezar a nosa lingua e a nosa cultura", di a Marea Atlántica, que aposta por que "a primavera democrática entre no Hórreo, en San Caetano e en Montepío", pero "sen renunciar aos principios" que a este movemento e a outros os levaron aos gobernos municipais. 

Marea de Vigo, pola súa banda, considera tamén que "En Marea marca o camiño a seguir para os próximos comicios" e non tardou en anunciar que "traballará, desde xa, e coma un axente máis, para agrandar a confluencia de cara ás eleccións galegas". Ademais, anuncia unha asemblea para "deseñar as liñas de acción"  que levará a cabo para que "as xentes da cidade participen na conformación, aberta e democrática, dunha gran candidatura de confluencia" para as autonómicas. 

Marea de Pontevedra, ademais, aposta tamén por "seguir o camiño de En Marea" pero "nunha nova etapa máis inclusiva e participada polas persoas" nunha clara alusión aos partidos e ao método seguido para elaborar as candidaturas de cara a este 20D. Precisamente, un deses partidos, Anova, avaliou na súa coordinadora os resultados das xerais para insistir en que os procesos de unidade "son o camiño". 

A forza nacionalista chama á "potenciación" desta "alternativa cidadá real" que supón "unha fiestra de oportunidade para a expresión da unidade popular que continúa aberta". O seu covoceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, vai máis aló e aposta por "reduplicar a potencia" de En Marea de cara ás próximas eleccións autonómicas e ve "posible" unha confluencia co BNG, logo de que non callara hai tan só uns meses. "Iso non foi posible", dixo o histórico dirixente, pero "é posible agora".

Anova aposta por "reduplicar a potencia" de En Marea e Beiras mesmo abre a porta ao BNG

As palabras de Beiras coinciden coas de varios dos alcaldes que se implicaron na campaña de En Marea, como Xulio Ferreiro, rexedor da Coruña, que chamou a sumar máis apoios e a ampliar a base política da coalición de cara ás autonómicas. Jorge Suárez, de Ferrol en Común, asumiu que os resultados aínda podían ser mellores e anunciou que traballará tamén para consolidar as candidaturas desde abaixo “para que por primeira vez na historia haxa un presidente da Xunta de Galicia saído dun movemento de unidade popular”.

Martiño Noriega, alcalde de Santiago por Compostela Aberta, advertiu tamén que desde a candidatura de confluencia contribúen e contribuirán contribuímos "para que dentro dun ano sigamos tendo a Alcaldía da capital de Galicia e o goberno da Xunta". "O que ocorreu en maio non foi un arquipélago de casualidades, senón que ten unha continuidade no tempo", aventurou. 

Suárez, Ferreiro e Noriega, nun acto de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.