Agás sorpresa maiúscula, a actual lexislatura galega rematará como as dúas anteriores no que respecta á publicidade institucional, isto é, co incumprimento da promesa de promulgar unha lei para regulala, norma que anunciaron tanto o PP de Alberto Núñez Feijóo -considerouna "urxente" en 2009 e reiterou a promesa en 2012, tras a súa segunda vitoria- como o goberno bipartito, que chegou a iniciar a súa tramitación pero cando xa non ficaba tempo para aprobala. Deste xeito, as normas xenéricas do Estado e, sobre todo, o criterio político do Goberno son aínda a guía dunha actividade publicitaria que segue sen poder ser controlada polo Parlamento ou a cidadanía en xeral, pero cuxa "eficacia" si vai ser medida a través de enquisas e estudos que a Xunta se dispón a encargar a unha empresa privada.
A Xunta destina ata 71.900 á contratación dunha empresa privada que realice as enquisas e informes durante 2016
O Goberno galego vén de iniciar os trámites dun contrato que financiará con ata 71.900 euros -59.421,49 máis IVE- a través do que encargará inquéritos informes para a "avaliación da eficacia das campañas desenvolvidas" e "unha análise global da eficacia da publicidade institucional da Xunta", todo isto durante o ano electoral de 2016. A empresa que se faga co contrato terá que realizar tres enquisas "sociodemograficamente representativas da poboación galega", unha por cuadrimestre, e "catro informes nos que se describa e analice a opinión dos galegos sobre as campañas de comunicación institucional desenvolvidas pola Xunta" durante ese ano.
Os cuestionarios dos tres inquéritos terán que ser "aprobados" pola Secretaría Xeral de Medios
Segundo a documentación do contrato, en cada unha desas tres sondaxes traballarase cunha mostra mínima de 500 entrevistas telefónicas nas que se atenderán "cuestións" como a "notoriedade espontánea e suxerida das campañas", a "notoriedade de mensaxes, elementos creativos, organismo promotor e medios de difusión", a "valoración" que cada unha das campañas suscita na cidadanía ou a "eficacia" das campañas "nos distintos medios de comunicación nos que se insire". O cuestionario de cada enquisa será deseñado pola empresa adxudicataria, pero antes da súa realización a Secretaría Xeral de Medios da Xunta, órgano con dependencia orgánica directa do presidente, "aprobará os seus enunciados".
O Goberno asegura que o contrato e a súa publicidade se guían só polas "necesidades e intereses" da cidadanía
Ademais das enquisas, a empresa adxudicataria terá que organizar, como mínimo, un grupo de discusión sobre a "calidade de comunicación das campañas publicitarias realizadas pola Xunta" e, acompañando a cada inquérito, un "informe detallado no que figuren os resultados do estudo". O traballo completarase cun "informe global de eficacia da publicidade institucional" no que se resuman os tres anteriores e se insiran "propostas e recomendacións de mellora en futuras accións de comunicación".
Como xa acontecera co contrato de valos publicitarios que amosarán as mensaxes da Xunta por todo o país durante o ano electoral, a Secretaría Xeral de Medios xustifica a necesidade deste contrato explicando que o Goberno "é suxeito e obxecto de información e valoración política, polo que tamén é emisor dunha serie de mensaxes dirixidas aos cidadáns" que "están ao estrito servizo das necesidades e intereses" da cidadanía. O "propósito final" destas enquisas e estudos, asegura, é que "toda a información chegue a todos os cidadáns galegos".