Política Lingüística subvenciona un 80% máis á Igrexa que aos Traballadores de Normalización

O títular de Política Lingüística (dereita), con Vázquez e Lorenzo © Xunta

"A realización dun programa de actuacións en materia de normalización lingüística". É o obxecto dos máis de vinte convenios asinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ao longo do primeiro cuadrimestre do ano e que, en virtude da Lei de Transparencia de 2006, fixo públicos este xoves a través do Diario Oficial de Galicia. Son acordos con institucións de tipo diverso, algunhas máis relacionadas ca outra coa promoción da lingua, ás que se lle reparten os cartos do departamento que dirixe Valentín García dun xeito nalgúns casos especialmente rechamante. Así, por exemplo, unha das entidades beneficiarias dun destes convenios con maior relación coa protección do idioma, a Coordinadora de Traballadores e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) recibe un 80% que outra institución na que, agás honrosas excepcións, o galego está escasamente implantado na súa actividade diaria, como é a Igrexa católica.

Así, fronte aos 5.000 euros que se lle adxuxicaron á CTNL a Igrexa suma 9.000, dirixidos a outras tantas dióceses. Nomeadamente, 3.000 euros son para a diócese de Mondoñedo-Ferrol, 3.000 máis para Tui-Vigo e outro tanto para o Arcebispado de Santiago -no caso da arquidiócese compostelá o arcebispo tense dirixido en máis dunha ocasión os seus sacerdotes para recomendar a extensión do galego nos actos litúrxicos e no funcionamento das parroquias, aínda que con escaso éxito-. Non obstante, o financiamento que recibe a institución católica dispárase notablemente máis se a estes 9.000 euros se lles engaden os 35.000 do convenio asinado entre Política Lingüística e a Federación Española de Religiosos de Enseñanza-Centros Católicos (Ferega-Ceca).

A Confederación de Empresarios recibe 50.100 euros, o mesmo que as tres universidades xuntas

Así e todo non é esta a única comparación significativa que é posible tirar do reparto de convenios. Non en van, nestes tempos de estreiteces económicas un ordenamento destes convenios en función dos cartos achegados pola Xunta coloca en cabeza á Confederación de Empresarios de Galicia, que ingresou 50.100 euros. Esta cantidade é sensiblemente superior á outra organización empresarial á que se lle achegaron fondos públicos, o Foro Enrique Peinador, que ten como actividade central a promoción da lingua e da identidade galegas no mundo da empresa. Pero a CEG non supera só a estoutra entidade ligada á economía, tamén o fai co organismo que, tal e como estipula o Estatuto de Autonomía é o encargado da "defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego", o Consello da Cultura Galega, que queda con 36.000 euros. A patronal galega recibe, igualmente, tantos cartos como as tres universidades xuntas, dado que a da Coruña desenvolverá actividades de normalización con 19.000 euros, a de Vigo con 29.000 e a Santiago chegarán 2.000, neste caso para o labor concreto de edición dunha revista.

Máis cartos para a Fundación Cela que para a AELG

A subvención para a Fundación Cela chegou aos 265.000 euros, que se engaden aos 150.000 achegados en 2010

A relación de convenios publicados pola Consellería de Educación permite tamén coñecer outras asignacións que xa deron lugar a certa controversia. Así, á marxe dos convenios para a promoción do idioma, Educación detalla que a "subvención nominativa" para a Fundación Camilo José Cela chegou aos 265.334 euros, aos cales cómpre engadir os 154.000 euros achegados en 2010 pola antiga Consellería de Cultura para salvar da creba a unha entidade que, en virtude do rescate ao que a someteu a Xunta, agora é pública. A magnitude deste montante pode ser mellor percibida ao poñela en relación cos cartos que reciben outras institucións como a Real Academia Galega (RAG), que para 2012 asinou un convenio coa Xunta por importe de 280.688 euros, lonxe dos 450.000 de hai un ano e dos 700.000 que achega o Goberno central. Ademais, hai escasamente unha semana o PP vetaba no Parlamento unha iniciativa do PSdeG, apoiada polo BNG, para incrementar este financiamento á RAG. As razóns aludidas foron esencialmente económicas.

O especial tratamento que recibe a Fundación Cela é tamén posible detectalo ao poñer a súa subvención ao carón dos modestos 6.000 euros que o departamento de Valentín García acordou conceder á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), unha circunstancia que este xoves daba lugar ás críticas d'A Mesa pola Normalización Lingüística, para cuxo presidente, Carlos Callón, a distribución das axudas é "sectaria e totalmente aritraria". "Só dende unha postura de desprezo total á cultura galega" se pode explicar, en opinión de Callón, "que a fundación dun só escritor en castelán reciba corenta e catro veces máis diñeiro que a asociación de todos os escritores galegos". "A Xunta afortala máis a cultura en español, que conta con tantísimo apoio, mentres fai deixamento de funcións na súa obriga de apoiar a cultura en galego", di. A esta mesma circunstancia atribúe Callón que a propia Mesa non reciba "nin a máis pequena axuda" malia ser "a maior asociación cultural de Galiza", con "4.000 socios e socias". "Que pasa, que para recibir axudas hai que aplaudir a Núñez Feijóo como se fósemos súbditos?", pregúntase.

Nel Vidal: "A maneira obxectiva de colaborar é cunha convocatoria pública, con criterios públicos e obxectivos"

Tamén dende a propia Coordenadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización se amosan receos sobre o criterio de distribución das axudas, se ben dende a CTNL Nel Vidal chama, en declaracións a Praza, a ser "prudentes coas comparacións", xa que non todos os convenios son para promoción da lingua, o que non quita que, na súa opinión, sexa "escandaloso que se dediquen eses cartos" a organismos como a Fundación Cela. Nos convenios estritamente lingüísticos Vidal coida que, en xeral, "hai cousas que non teñen moito xeito", a comezar polo feito de que as axudas se distribúan vía convenios e non "mediante unha convocatoria pública, con criterios públicos e obxectivos". Co actual sistema, di, o reparto "sempre é arbitrario".

Partindo desta base Nel Vidal subliña que, por exemplo, non é posible coñecer os criterios que levan a que o Foro Enrique Peinador "reciba 15.000 euros e A Mesa, cero", nun contexto no que se "mesturan" as entidades que teñen a normalización como "obxectivo principal" con outras, "doutro tipo", nas que as axudas son "para galeguizarse", caso por exemplo da Confederación de Empresarios. "Non se deben mesturar estas axudas nin tratalas do mesmo xeito", subliña.

O títular de Política Lingüística (dereita), con Vázquez e Lorenzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.