En Marea formará parte dun grupo de "nacións sen Estado" no Senado. Esa é a idea que teñen tanto a coalición galega como En Comú Podem e Compromís-Podem, que se unirían nun mesmo grupo na Cámara Alta cos seus dez senadores. Ademais, Pablo Iglesias ofrece a posibilidade de integrar nel parte dos cinco senadores obtidos polo seu partido en Euskadi. O ofrecemento de Podemos suporía, de facto, que ese grupo podería ser mesmo máis amplo que o da formación morada.
En Marea formará parte dun grupo de "nacións sen Estado" xunto a En Comú Podem, Compromís-Podem e senadores vascos de Podemos
A idea de Podemos é favorecer que o Senado reflicta tamén a pluralidade nacional que defenderon coas súas candidaturas de confluencia en territorios como Catalunya, Galicia ou o País Valencià. A formación liderada por Pablo Iglesias ofreceu os seus socios nese tres territorios a posibilidade de que tamén na Cámara Alta teñan presenza propia, á marxe das siglas do partido morado.
Podemos prevé ceder parte dos seus senadores vascos a este grupo para reflectir tamén na Cámara Alta a plurinacionalidade do Estado
En Marea, En Comú-Podem e Compromís-Podem suman no seu conxunto un total de dez senadores, entre os obtidos o 20D e os nomeados por designación autonómica. A formación galega conseguiu no Senado un representante pola Coruña, José Manuel García Buitrón (Podemos), e outra por Pontevedra, María Vanessa Angustia (EU).
En principio, este grupo de "nacións sen Estado" non precisaría préstamo ningún para superar a fronteira de dez senadores que permite, segundo o regulamento, configurar un grupo propio no Senado. Fontes das confluencias aseguran, con todo, que ven con bos ollos o xesto político de incluír nese virtual grupo senadores vascos. Podemos obtivo un total de 9 senadores nas eleccións de decembro, aos que se se suman outros 4 de designación autonómica.
"O Senado é o lugar indicado para facer un grupo destas características", sinalou a este diario un dos dirixentes das candidaturas de confluencia coas que Podemos se reuniu a principios de semana para avaliar unha estratexia conxunta de traballo parlamentario. Mentres tanto, no Congreso, a formación segue empurrando pola creación de tres grupos parlamentarios á marxe do que lidera Pablo Iglesias.
O PSOE non se decidiu sobre os catro grupos
A existencia de catro grupos arredor de Podemos non é do agrado do PSOE, aínda que os de Pedro Sánchez non se negan radicalmente á proposta se iso os achega á Moncloa. As maiores dúbidas dos socialistas teñen que ver coa discusión interna que xera a iniciativa, sobre todo no ámbito do PSC.
O PSOE de Cataluña preséntase ás eleccións por separado do resto do partido pero, tradicionalmente, os seus deputados intégranse nun mesmo grupo. No PSOE moitos opinan que aceptar a creación dos grupos parlamentarios catalán, valenciano e galego pon as súas federacións neses territorios en inferioridade de condicións.
Ter un grupo propio no Congreso significa, ademais dunha importante dotación económica, maior peso nos debates. O PSOE considera que Podemos chegaría a cada discusión parlamentaria coa posibilidade de intervir até en catro ocasións por cada discusión. A idea non gusta en Ferraz pero cada vez son máis os que na contorna de Sánchez cren que haberá que ser elásticos neste punto para non bloquear desde o inicio a posibilidade dun pacto á portuguesa.