Panel de control para seguires o traballo da representación galega no Congreso

Deputados e deputadas das circunscricións galegas CC-BY-SA Praza Pública

Dende este 13 de xaneiro está en marcha a undécima lexislatura estatal nas Cortes Xerais. O Congreso dos Deputados, presidido polo socialista Patxi López en virtude do acordo acadado por PSOE e Ciudadanos, inicia os seus traballos cun panorama moito máis plural e moitas variacións a respecto do anterior período, tamén no que atinxe á representación galega. O votado pola cidadanía o 20-D ditaminou que o PP conte con cinco asentos menos na Cámara Baixa, ficando con 10, mentres que o PSdeG se mantivo con 6, aínda que pasando a ser terceira forza en votos por mor da chegada de En Marea, tamén con seis representantes. Os escanos elixidos polas provincias galegas complétanse co que logrou Ciudadanos na provincia da Coruña.

A través do panel que acompaña estas liñas podes acceder, picando en cadansúa fotografía, á ficha de cada deputado ou deputada na web do Congreso. Durante a lexislatura os servizos da Cámara publican nestas fichas as iniciativas e intervencións, así como os cargos que desempeñan nos órganos parlamentarios.  

Na estrea da lexislatura a principal incógnita continúa sendo onde se encadrarán os seis membros de En Marea, cuxa aposta segue a ser formar un grupo propio que semella difícil realizar, dado o acordo no que se asenta a nova configuración da Mesa, órgano que, en última instancia, é o que interpreta o artigo 23 do Regulamento, no que se establecen as condicións para as formacións de grupos parlamentarios. Se, como todo semella indicar, o grupo de En Marea non se constitúe os órganos da coalición decidirán que camiño tomar, toda vez que poderían optar por integrarse nalgún dos grupos que se formen ou pasar ao Mixto, dentro do cal existe un precedente da formación de agrupacións. Foi, concretamente, na terceira lexislatura (1986-1989), cando Democracia Cristiana, Partido Liberal e IU se acolleron a esa fórmula.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.