0 Gardados para despois

O concello asturiano da Veiga declara oficial o galego no seu municipio

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

O concello asturiano da Veiga (Vegadeo oficialmente en castelán) aprobou hai agora unha semana unha ordenanza pola que se declara a fala que alí se emprega como lingua oficial do municipio. Deste xeito, o eonaviego -galego de Asturias ou coñecido tamén como galego-asturiano no Principado- considérase, "xunto co castelán, lingua propia do Concello, da administración local e das corporacións públicas que dela dependen". 

O galego-asturiano pasa a ser "xunto co castelán, lingua propia do Concello, da administración local e das corporacións públicas que dela dependen"

Con esta medida, o goberno local socialista da localidade limítrofe con Ribadeo dá un paso importante nun asunto lingüístico polémico desde hai algunhas décadas en Asturias. Convértese no primeiro municipio da comarca do Navia-Eo en situar o galego ao mesmo nivel có castelán e en plena igualdade con el. Na ordenanza municipal establécese que todos os cidadáns da Veiga "teñen dereito a empregar o galego-asturiano e a expresarse nel de palabra e por escrito, do mesmo xeito que o castelán" e aclara que poden dirixirse á administración local nesta fala e que terán dereito a recibir, "na medida do posible", todas as comunicacións neste mesmo idioma, ademais de "non ser discriminados" por empregala. 

Ademais, a ordenanza recolle o uso do galego nos plenos municipais, así como en calquera ámbito municipal, ao tempo que a web oficial do Concello tamén incluirá o eonaviego. Este texto legal foi aprobado cos votos a favor dos seis concelleiros socialistas e a abstención do PP e estipula tamén que a relación da administración local con outras administracións, así como a publicidade institucional, levarase a cabo en bilingüe. Tamén se aclara que se poderá valorar nas oposicións e concursos municipais o coñecemento do eonaviego e anima os cargos públicos a que usen o idioma ao exercer os seus cargos. 

"El uso del galego-asturiano como vehículo d'espresión y comunicación sigue sendo, despóis de siglos, unha constante na vida diaria dos vecíos y vecías del conceyo da Veiga, de toda a comarca eonaviega y d'unha boa parte d'Asturias, notándose, col paso del tempo, un aumento da sensibilidá social y dos poderes públicos coas pecularidades del feito lingüístico galego-asturiano, á qu'este conceyo se quer unir nel marco estricto das súas competencias", aclara a ordenaza no seu preámbulo e coa escrita oficial que o asimila máis ao asturiano.

Esta variante do galego fálase nos 18 concellos máis occidentais do Principado de Asturias

O galego de Asturias ou eonaviego é a fala do ocidente de Asturias, unha variedade lingüística do idioma galego que se espalla por toda a comarca asturiana comprendida entre os ríos Eo e Navia e que abrangue tamén o municipio galego de Negueira de Muñiz. Fálase nos 18 concellos máis occidentais do Principado, aínda que en 3 deles só se fala na súa metade máis occidental.

Malia que a inmensa maioría de estudos filolóxicos coinciden desde sempre en que a fala é un dialecto oriental do galego -versión na que coinciden o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega (RAG)-, desde Asturias son moitos os que consideran esta fala como unha lingua de transición entre o galego e asturiano ou mesmo totalmente independente tanto dunha como da outra. 

A Academia da Llengua Asturiana non acepta que se considera galego a esta lingua e por iso prefire a denominación eonaviego fronte a galego-asturiano, denominación empregada polo Goberno autonómico de Asturias, que en 2005 aprobou o Plan de normalización social do asturiano, no que a fala galega do Occiente é colocada en igualdade de condicións co asturiano. "El gallego asturiano o fala del occidente de Asturias, tendrá un tratamiento similar al bable o asturiano en todas las medidas que se recogen en el presente plan", di o texto. 

Aínda que non hai estudos moi recentes, o último apuntaba a que dos 45.000 habitantes desta comarca do Eo-Navia, máis do 70% declaraba falar en galego-asturiano, malia que só un de cada catro sabía lelo e moitos menos escribilo. O Principado de Asturias mantén a potestado en política lingüística nesta zona, mentres que foron varias as voces que reclamaron para o galego asturiano un tratamento idéntico ou semelante ao galego falado no Bierzo, polo que a Xunta mantén un convenio coa Junta de Castilla y León para o seu ensino en varios centros. 

A Veiga anima o resto dos concellos do Eo-Navia a inmitar a medida e "acabar co medo a perder votos: Nada ten que ver co nacionalismo"

En declaracións ao diario El Comercio, o concelleiro de Cultura, Abel Pérez, instaba o resto de municipios do occidente asturiano a imitar a súa ordenanza e "acabar co medo a perder votos, xa que nada ten que ver co nacionalismo". "As corporacións deben fomentar o uso da nosa lingua se os políticos non amosamos interese no galego-asturiano, dificilmente a xente o fará malia ser unha lingua viva", dixo quen anunciou tamén unha partida nos Orzamentos da Veiga en 2016 para fomentar o uso escrito da lingua. 

Desde a RAG destácase a valentía dunha decisión que "pode causar problemas co Goberno do Principado" ante as fortes "reticencias" que sempre mostrou o Executivo asturiano para recoñecer a oficialidade do galego do Eo-Navia. Ademais, fontes da Academia lembran que a polémica lingüística "é moi recente, duns 20 ou 25 anos atrás" e recordan que non hai dúbida desde o ámbito filolóxico no carácter galego destas falas de Asturias. 

Ben falado! O galego de Asturias

Capítulo do micro-espazo Ben falado!, espazo de cinco minutos diarios dedicados á lingua galega que se emitiu hai uns anos na TVG. Foi dirixido e presentado polo académico Xesús Ferro Ruibal. 

© TVG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.