O xulgado retoma a investigación ao PP de Lugo por carretaxe de anciáns nas eleccións de 2012

Feijóo e Barreiro, nun congreso do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

O pasado xuño un xulgado de Lugo decretaba o arquivo provisional do caso no que foran imputados varios dirixentes e militantes do PP de Lugo por carrexar anciáns, papeleta en man, dende o asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados ata un colexio electoral próximo nos comicios galegos de 2012. A xuíza Sandra Piñeiro vén de advertir que aquel arquivo se baseou "nun feito incerto", o "aparente abandono do procedemento" por parte da acusación popular, exercida por Esquerda Unida, e nun auto ordena que se retome o procedemento penal.

Como informou este diario, aquel 21 de outubro acudiron ao asilo un grupo de catro membros do PP para trasladar os anciáns. Un deles era José Luis Iravedra, histórico dirixente dos conservadores na provincia e daquela tamén membro do consello de administración da CRTVG. Acompañábano, tal e como recolleron algúns medios de comunicación na propia xornada electoral, a ex concelleira Teresa Taboada e dous militantes máis, Benigno Gómez e Serafín Rodríguez.

A investigación acreditou que os anciáns "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto"

Segundo a investigación, os anciáns trasladados para "depositar o voto" fórono aínda que, segundo informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia, "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" por mor de doenzas como "demencia senil" ou o Alzheimer. Non obstante, daquela a xuíza xa deu por acreditado que "todos" os residentes trasladados chegaron a votar e que só o fixeron porque os trasladaron os membros do PP, en quen apreciaba "indicios racionais de criminalidade" como presuntos autores dun delito electoral.

Varios anciáns apuntan que lles entregaron os sobres de votación na propia residencia

Nesta liña, nas alegacións nas que se basea a reapertura do caso EU a acusación resalta que ficou comprobado que neste caso os anciáns saian da residencia "portando sobres pechados coa papeleta electoral" que "lle fora entregada na propia residencia". Este feito, indica, foi referendado na declaración testemuñal dalgúns deles, realizada na propia residencia, onde indicaron "que la papeleta se la dieron aquí", "que llevó el sobre de aquí, del asilo" ou "que llevó el voto de aquí". Asemade, un deles agrega que "no votó a quien quiso", polo que cabe pensar que "se puido producir unha manipulación do voto".

EU, que exerce a acusación, reclama a imputación da relixiosa que xestiona a residencia e pide que Barreiro declare como testemuña

"O delito -indica o escrito- é atribuíble á responsable da residencia, a madre superiora Amparo Campos, podendo ser considerados os que trasladaron aos votantes como cooperadores necesarios ou cómplices do delito". A carretaxe sería especialmente grave no caso de Iravedra, quen xa admitiu por escrito que naquela xornada actuaba como apoderado do PP e, polo tanto, incluíase "no concepto ampliado de funcionario" que establece a lei electoral.

Así as cousas, o proceso reábrese e EU solicita a citación como imputada da relixiosa responsable da residencia, que se acredite a condición de apoderados dos representantes do PP e que, ademais, se agregue á causa a incidencia que AGE formulou sobre esta carretaxe durante as propias votacións. A acusación pide, ademais, que sexa citado como testemuña o presidente provincial do PP e voceiro do partido no Senado, José Manuel Barreiro, "a fin de que manifeste o seu coñecemento sobre a petición de colaboración para o traslado de votantes dende o asilo á oficina electoral, feito admitido polos imputados".

Para o deputado lucense de AGE, Ramón Vázquez, "resulta evidente a complicidade do PP nuns actos tan degradantes e antidemocráticos" coma estes e "resulta indecente" que "case catro anos despois do acontecido, non se depurasen responsabilidades políticas alén do discreto cesamento do señor Iravedra" no Consello da CRTVG "aproveitando a renovación deste órgano en datas recentes". "Imos chegar ao final para rematar coa rede caciquil do PP e para que os responsables do carrexo sexan condenados", afirma.

Imaxes da carretaxe con Iravedra (esquerda), publicadas por La Voz de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.