Baltar prevé ser reelixido no PP de Ourense cinco días antes de declarar ante a xuíza

Xunta directiva do PP de Ourense © PP de Ourense

Alberto Núñez Feijóo subido a un escenario no medio da aclamación de José Manuel Baltar como reelixido presidente provincial do PP baixo o lema 'Ourense ten forza!'. Esta é a imaxe máis probable que se vivirá o vindeiro 5 de marzo no pazo dos deportes Paco Paz da capital ourensá, onde os conservadores celebrarán o seu congreso provincial apenas cinco días antes de que o seu líder e candidato á reelección teña que achegarse ao xulgado de instrución número 3 da cidade para responder en calidade de investigado -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e mesmo tráfico de influencias.

O xiro no caso iniciado coa denuncia da muller que acusa o barón ourensán de ofrecerlle un emprego na Deputación a cambio de sexo, que tamén terá que comparecer como investigada, non alterou o máis mínimo o guión do PP ourensán. Como prevera, Baltar reuniu a súa xunta directiva horas despois de saír á luz a citación xudicial e alí sacou adiante "por unanimidade" a convocatoria congresual. Prevé, afirmou, ser reelixido e comezar a "preparación do partido para as eleccións autonómicas".

De existiren, os críticos teñen unha semana de prazo para presentaren unha candidatura alternativa

A apertura do proceso provoca tamén que comece a correr o tempo para a presentación dunha, a priori, pouco probable candidatura alternativa. Os críticos, de existiren, teñen só unha semana para rexistrar a súa intención de desbancar o baltarismo. O 5 de febreiro á unha da tarde finaliza o prazo de presentación de candidaturas á presidencia. Se hai máis de unha desenvolverase unha campaña electoral interna entre o 9 e o 16 de febreiro.

O barón ourensán reitera que a investigación xudicial é un "asunto persoal" do que non ten "nada que dicir" en público

A acusación xudicial a respecto dun presunto delito vinculado ao seu labor político non mudou tampouco en absoluto a resposta de Baltar sobre o caso. Ante unha decena de preguntas da prensa reitera que se trata dun "asunto persoal" ante o que non ten "nada que dicir" en público que non estea vinculado, neste caso, ao propio congreso e aos relatorios que alí se abordarán. Un deles, titulado 'A provincia intelixente; Ourense como referencia', será presentado pola senadora Edelmira Barreira, muller de confianza no equipo de Soraya Sáenz de Santamaría durante a pasada lexislatura estatal.

Así as cousas, agás sorpresa Baltar irá declarar ante a xuíza reforzado internamente no partido cun novo mandato e, polo tanto, con capacidade para condicionar a candidatura ourensá do PP para as eleccións galegas deste 2016. Esa aclamación producirase no mesmo escenario no que hai seis anos o baltarismo logrou anotarse a primeira e ata o momento única derrota interna de Feijóo, cando o candidato colocado polo presidente para tentar destronar a saga Baltar fracasou no seu intento. Segundo confirmou a xustiza, días antes daquela votación José Luis Baltar enchufou na Deputación un cento de persoas que, casualmente, participaban como compromisarias no congreso.

Baltar, presentando o congreso Dominio Público PP de Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.