O PP ve "fomento do odio" na oposición a ENCE do goberno de Pontevedra

Na Casa do Concello de Pontevedra loce xa a faixa que pide a marcha de ENCE © ENCE Fóra

O PP de Pontevedra foi clave no cambio de postura dos populares galegos a respecto de ENCE. Tras anos prometendo o traslado da pasteira e mesmo incluíndoo nos seus programas electorais de 2009 e 2012, na precampaña das municipais do pasado ano Rafael Louzán, primeiro, e Jacobo Moreira, despois, culminaron o cambio de postura da formación volvendo ao punto de partida, isto é, o apoio á permanencia na ría que Alberto Núñez Feijóo asumiu como propio. Unha vez concedida a prórroga de 60 anos por parte do Goberno central en funcións a formacións conservadora reafírmase na súa postura e carga con dureza contra o goberno local pontevedrés, ao que acusa de "fomentar o odio" por reiterar o rexeitamento á pasteira.

Unha vez anunciada a prórroga Moreira, voceiro local no Concello, observou a autorización omo un sinónimo de "tranquilidade" e "certeza" para "milleiros de familias" -en ENCE traballan unhas 360 persoas, segundo o comité de empresa-. "Se ENCE gaña, Pontevedra terá que gañar", dixo o edil, quen concede que "a decisión de instalar a fábrica en Lourizán [a pasteira opera na ría dende 1957] non foi a máis apropiada, pero nos tempos que corren ningún político responsable pode permitir o peche dunha empresa". "As posibilidades eran dúas: ou continuaba na súa localización ou pechaba", afirma, aínda que o propio PP reiterou durante anos a aposta polo traslado.

O PP cualifica de "tendal nacionalista" pendurar unha faixa contra ENCE no balcón do Concello

Cando o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a súa intención de recorrer a decisión do Ministerio de Agriculta e, asemade, de apoiar as accións de protesta da plataforma ENCE fóra para asempre, Moreira viu nesa aposta unha "campaña partidista". "Se Lores quere encargar unha pancarta e promover unha manifestación partidista, debería usar os cartos do BNG", xa que os do Concello son "tamén dos traballadores da fábrica". Pendurar na casa consistorial a faixa de rexeitamento a ENCE supón tornala en "tendal dos nacionalistas", proclamou.

"Despois lamentámonos cando acontecen determinados feitos violentos", proclama o voceiro local do PP sobre as verbas de Lores a respecto de ENCE

Lores non representa "a educación dos veciños de Pontevedra", atacou Moreira cando Lores cualificou de "merda" o que a veciñanza terá que "aturar" durante 60 anos máis se a fábrica fica na ría. E o ton continuou a subir tras a masiva manifestación do pasado venres. Nun comunicado emitido esta fin de semana o voceiro municipal do PP considerou que as consideracións do alcalde na protesta, asegurando que a cidadanía ía "correr a gorrazos electoralmente" aos populares por esta decisión, son tanto como promover unha sementeira de odio.

O alcalde de Pontevedra reitera que "os beneficios" de que a pasteira permaneza na ría son "nulos, agás para os accionistas e membros do consello de administración"

"O fomento do odio entre os veciños merece todo o noso rexeitamento e a nosa enérxica condena", di o popular. O rexedor do Bloque non se está a comportar como "un alcalde demócrata", que "debe traballar por unir aos veciños, non por sementar o odio entre eles e tentar de dividilos". Neste contexto, Moreira mesmo vincula a Lores con eventuais feitos violentos que poidan chegar a producirse. "Despois -proclama- lamentámonos cando acontecen determinados feitos violentos".

Fronte ás acusacións do popular, este domingo Lores reiteraba nunha entrevista na Cadena SER que o Concello continuará apoiando as mobilizacións e tentando que o Executivo do Estado revirta a decisión. A "porcentaxe" de emprego que xera ENCE en Pontevedra é "mínima", di o alcalde, convencido de que "recuperar a ría para os usos normais que debería ter", como "o aproveitamento marisqueiro e o lecer" xerarían "riqueza e un número de postos de traballo moito maior". "Se a iso lle engadimos a nefasta política forestal, os beneficios" de que ENCE siga onde está "son nulos" agás "para os accionistas e membros do consello de administración" entre os que, subliña, se atopan varias persoas vinculadas ao PP.

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal
Jacobo Moreira, voceiro do PP en Pontevedra © PP Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.