Dimite o concelleiro de Moraña que insultou a Carmela Silva

Captura de pantalla dos insultos publicados na rede social Dominio Público Praza Pública

Jorge Caldas, tenente de alcalde en Moraña e concelleiro de Igualdade, vén de comunicar a súa renuncia aos cargos, ao tempo que pide desculpas publicamente á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á que insultara gravemente. O pasado 29 de xaneiro Caldas escribira en Facebook que Silva era unha "mala zorra" e unha "sinvergüenza" por retirarlle as axudas a un rally.

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación na tarde deste xoves, Caldas afirma que utilizou "termos ofensivos e inadecuados". "Esas consideracións, ademais de ser inxustificadas e inxustificables, nin se corresponden cunha relación lóxica entre adversarios políticos, nin se corresponden coa miña opinión persoal sobre a señora Silva", engade.

Os partidos da oposición pediran a súa renuncia. Polo PSdeG-PSOE, Carmen Gallego sinalou que “chove sobre mollado co machismo do PP” e lembrou que “aínda agardamos pola condena política a Baltar”, cualificando as declaracións de "impresentables” e criticando que a alcaldesa de Moraña as secundara "de forma noxenta”.

O BNG, que sacara á luz o caso, cualificou as palabras de Caldas de "inadmisibles, intolerables e vergoñentas", esixíndolle á alcaldesa da localidade, María Luisa Piñeiro, o cese do edil. En caso contrario, engadiu, o PP "estará avalando e sendo cómplice dos seus comportamientos machistas".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pediu desculpas como presidente do PP e instou a Caldas a facer o mesmo, pero negouse a pedir o seu cese

A rexedora restara importancia ao sucedido, sinalando que se tratara dun comentario "desafortunado" froito dun momento de "calentón" e deixándoo nunha "metedura de pata". Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pediu desculpas como presidente do PP e instou a Caldas a facer o mesmo, pero negouse a pedir o seu cese.

Captura de pantalla dos insultos publicados na rede social Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.