A derrogación da prórroga de ENCE e un novo acordo lácteo, entre as condicións de En Marea para apoiar a Sánchez

Os representantes de En Marea, no hemiciclo do Congreso CC-BY-SA En Marea

En Marea vén de facer pública, de forma detallada e concreta, a súa posición ante o proceso de investidura, a través dun artigo -asinado polos seis deputados e deputadas no Congreso- que este domingo publica Praza. A candidatura formula cinco propostas, "cinco medidas fundamentais para a cidadanía galega", eixos básicos que sitúa "como coordenadas de calquera diálogo". Un plan de rescate cidadán, medidas contra a corrupción, un novo modelo produtivo, defensa da lingua galega... están entre elas. E, ademais, incorpora catro demandas urxentes: a derrogación da prórroga concedida a ENCE, unha nova lei de financiamento local, un novo acordo lácteo e unha solución para o sector do cerco.

En Marea convida os socialistas a "afastarse da Gran Coalición". "O PSOE e Pedro Sánchez teñen que definir se queren ser parte do problema ou parte da solución", din

No documento reiteran a súa aposta por un goberno de cambio e pídenlle ao PSOE que se "defina". "O PSOE e Pedro Sánchez teñen que definir se queren ser parte do problema ou parte da solución. Hai que escoller: pasado ou futuro. Búnker ou cambio. Continuísmo ou ruptura. Alianza pola democracia, ou calquera modalidade de Gran Coalición que permita que todo siga igual", destaca. Neste senso, En Marea rexeita calquera acordo no que estea Ciudadanos, que define como “PP 3.0” e como "un partido con caras novas que rende servidume ao IBEX-35 e asume as receitas da Fundación FAES". "Non hai posibilidade de construír un goberno social e de progreso coa incorporación de Ciudadanos, a nova dereita neoliberal", engade.

"Non hai posibilidade de construír un goberno social e de progreso coa incorporación de Ciudadanos, a nova dereita neoliberal", engaden

En Marea sinala que "a nosa man segue tendida para o diálogo" e convida os socialistas a "afastarse da Gran Coalición" para iniciar "conversas sobre medidas concretas". Unhas conversas que En Marea quere centrar nunha "axenda que empodere as clases populares do Estado español a través da atención ás necesidades máis básicas e urxentes en materia socioeconómica, laboral, de vivenda, de dereitos civís e políticos e de igualdade de xénero" e nas que, ademais, aspira a "poñer os intereses específicos da cidadanía galega no centro das medidas dun futuro goberno de progreso e avance social". 

O artigo salienta así mesmo que as eleccións do 20D, nas que En Marea obtivo 410.698 votos e se converteu na segunda forza política, "consolidaron espazo social e político de cambio e ruptura democrática como a alternativa indiscutible ao Partido Popular en Galicia".

 

Paquete de propostas Galicia 5P

As cinco propostas ábrense coa demanda dun "novo modelo produtivo que defenda a economía real e os recursos propios" e un "plan de rescate cidadán"

Os cinco eixos básicos propostos por En Marea ("unha man chea para o cambio en Galicia") ábrense coa demanda dun "novo modelo produtivo que defenda a economía real e os recursos propios" e coa esixencia dunha "vertebración e mobilidade no país con criterios de racionalidade e sostibilidade real". Así mesmo, reclama un mellor sistema para o financiamento dos servizos sociais en Galicia "segundo as especificidades demográficas e de distribución da poboación galega", unido ao devandito "plan de rescate cidadán" no que se inclúan medidas para blindar o dereito á vivenda, garantir unha alternativa habitacional para mulleres en situación de violencia machista, acabar coa pobreza enerxética, rematar co copago sanitario e garantir a universalización da sanidade.

As propostas péchase coas catro cuestións de cumprimento inmediato: ENCE, Lei de Financiamento Local, novo acordo lácteo e solución para o cerco

De igual xeito, pide "unha administración aberta, transparente e baixo control democrático como mecanismo para rematar coa corrupción como problema estrutural" e "unha xustiza xusta, con recursos e para todas igual". En cuarto lugar demanda "medidas que garantan o dereito á cultura e á promoción da lingua galega" e a asunción da plurinacionalidade.

As propostas péchanse coas catro cuestións de cumprimento inmediato: as xa citadas derrogación da prórroga de ENCE, a nova Lei de Financiamento Local, o "novo acordo lácteo que incorpore as demandas dos gandeiros e gandeiras galegas en materia de prezos recoñecendo o peso específico do sector lácteo galego no conxunto do Estado" e a "renegociación dos criterios de reparto de cota pesqueira no Estado atendendo e solventando as demandas do sector do cerco galego".

 

Os representantes de En Marea, no hemiciclo do Congreso CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.