As críticas co relatorio oficial do BNG non presentarán candidatura: "a cuestión son as ideas"

Votación na pasada asemblea nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

A tres días do peche do prazo para a a presentación de candidaturas as persoas que presentaron votos particulares ao relatorio político do proceso -achegas á totalidade ou a puntos concretos do texto- veñen de confirmar que non fiarán lista propia. A súa intención, afirman, é centrar o debate "nas ideas, non nas persoas". Non confrontarán unha candidatura coa encabezada por Ana Pontón que, non obstante, si terá que medirse cunha lista confirmada a últimas horas deste luns, encabezada polo edil boirense Carlos Branco.

As deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, que asinan un dos votos particulares, e mais Alba Nogueira, que promove outro, puxéronlle voz este luns en Santiago á súa aposta xunto a arredor dunha vintena de militantes. "A refundación non pode ser un simple eslogan", defende Nogueira, cuxa opinión é secundada tamén por Adán, que ve "necesario pechar un ciclo e abrir un novo proceso de refundación total" e facelo ademais de xeito "inmediato, antes das eleccións galegas", e non nun prazo de ata un ano, como propón o relatorio da comisión do Consello Nacional.

As autoras de votos particulares coidan que a "refundación" debe ser "inmediata"

A decisión de non presentar unha candidatura propia que teña como obxectivo aplicar o contido dos votos particulares, sinala a parlamentaria, susténtase en que, a xuízo de quen o redactan, "as persoas non somos o fundamental" neste momento da formación frontista. "Tras o devalo electoral" dos últimos anos e, especialmente, das recentes eleccións xerais, subliña, "esta non é unhac uestión de persoas ou de cotas de poder", senón de artellar un proxecto que "poida entrar en conversas con outros", caso do espazo das mareas, para procurar "as alianzas necesarias para eliminar o PP da Xunta". "Neste sentido van os votos e emendas á totalidade, e por iso cremos interesante teña a posibilidade de votar" no plenario.

Estas iniciativas, resalta, están a ser formuladas "dende a vontade de diálogo e de lealdade á organización" e da procura dun "BNG unido". Así as cousas, as persoas que este luns compareceron en Santiago explican que o seu papel a partir do domingo será "o que determine a organización" e a nova dirección, o que en moitos casos implicará desenvolver labor de "militancia de base". "O problema -reiteran- non é de persoas, é de proxecto.

Sanmartín apela á "participación masiva" na Asemblea

Tras a derradeira xuntanza do Consello Nacional previa á Asemblea, a militancia do Bloque recibe tanto o relatorio oficial como o informe de xestión da dirección saínte e os votos particulares. Estes textos serán a base do debate da asemblea do domingo, na que se prevé a asistencia de máis de 2.800 persoas. A número dous da candidatura para a nova dirección, Goretti Sanmartín, apelaba tamén este luns a unha "participación masiva" que avale a "refundación" que, afirma, promoverá a candidatura que encabeza Pontón.

Votación na pasada asemblea nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.