Podemos-Galicia celebrará as súas primarias en abril

José García Buitrón © Podemos-Galicia

Podemos-Galicia contará con novos órganos de dirección a mediados de abril. Vén de coñecerse o calendario do proceso de primarias, que servirá para escoller un novo ou nova secretaria xeral, os 34 integrantes do Consello Cidadán e os seis membros da Comisión de Garantías Democráticas. Rematará deste xeito a situación de provisionalidade que vive a formación dende que hai tres semanas quedou disolto o Consello Cidadán, tras numerosas dimisións e destitucións. Dende o pasado 12 de febreiro o partido está coordinado por unha xestora encabezada polo senador José García Buitrón.

A campaña electoral celebrarase entre o 4 e o 10 de abril. E as votacións, por vía telemática, terán lugar entre o 8 e o 10. A proclamación dos resultados producirase o día 12

O proceso de primarias comezará este 15 de marzo, coa apertura do prazo para recoller avais ás candidaturas aos diferentes órganos. A continuación procederase á inscrición de candidaturas entre o 28 e o 30 de marzo. A campaña electoral celebrarase entre o 4 e o 10 de abril. E as votacións, por vía telemática, terán lugar entre o 8 e o 10 de abril. A proclamación das candidaturas elixidas producirase o 12 de abril.

Todas as persoas inscritas en Podemos-Galicia teñen dereito ao voto. As listas para o Consello Cidadán e a Comisión de Garantías, deben ser paritarias, e deben ser presentadas en formato de cremalleira. No regulamento especifícase que os Círculos e os órganos internos da formación "deberán manter a súa neutralidade" tanto nas súas actividades como nas súas contas de redes sociais.

 

José García Buitrón © Podemos-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.