Elena Candia imponse a Raquel Arias e presidirá o PP de Lugo

Elena Candia, con Alberto Núñez Feijoo, este domingo en Lugo © PP de Lugo

Elena Candia, ex presidenta da Deputación e alcaldesa de Mondoñedo, é a nova presidenta provincial do PP en Lugo. No XVII Congreso, celebrado este domingo, Candia impúxose con claridade a Raquel Arias, delegada da Xunta na provincia, obtendo o 69,6% dos votos, fronte ao 29,25% da súa rival. O de Lugo era o único Congreso popular con mais dun candidato e a pesar de chegou a falarse da posibilidade de conformar unha lista única, ambas as dúas aspirantes finalmente mediron as súas forzas.

Candia é a primeira muller que preside o partido na provincia e substitúe a José Manuel Barreiro, que estivo 14 anos no cargo. Nos últimos a tensión entre as dúas candidaturas elevárase considerablemente, trala denuncia de fraude lanzada dende Sarria por un grupo de afíns a Raquel Arias, considerada a candidata máis próxima a Feijóo.

Núñez Feijoo reivindicou o PP como "o partido do rural galego". "Os profesores da Complutense saben pouco disto, porque o máis verde que viron na súa vida foron os xardíns da universidade", dixo

Alberto Núñez Feijóo clausurou o congreso provincial, destacando que só había "un gañador: a democracia e a renovación interna do partido". O presidente da Xunta lanzou ataques contra todas as forzas políticas distintas ao PP, que reivindicou como "o partido do rural galego". "Os profesores da Complutense saben pouco disto, porque o máis verde que viron na súa vida foron os xardíns da universidade", dixo. Engadiu que o PP "nunca" permitirá a "independencia de Galicia". "Non llo permitimos ao BNG nin a Beiras, e agora tampouco llo imos permitir a Pablo Iglesias", engadiu. Feijoo criticou a "irresponsabilidade" do PSOE por non deixar gobernar a forza máis votada, a "incoherencia" de Ciudadanos por incumprir a súa palabra e a "demagoxia" de Podemos.

 

Elena Candia, con Alberto Núñez Feijoo, este domingo en Lugo © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.