José Manuel Baltar segue sen lograr parar a investigación polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo a unha muller de Ourense. O presidente da Diputación e do PP ourensán tivo que sentar este martes ante a xuíza Eva Armesto para responder por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias sen desbotar, ademais, o acoso sexual. Apenas dúas semanas despois de ser referendado no liderado do partido na provincia co apoio explícito das direccións populares galega e estatal o dirixente conservador non conseguiu, a través do seu avogado, a nulidade que solicitou como cuestión previa, polo que o proceso segue adiante.
A instrutora do caso desbotou a anulación do procedemento que pedía Baltar e tamén, como igualmente reclamaba o dirixente do PP, a exclusión do partido Democracia Ourensana do labor de acusación popular. Foi nestas condicións nas que Baltar declarou durante arredor dunha hora na que, non obstante, non atendeu as preguntas do representante de DO nin tampouco do avogado da denunciante, que previamente comparecera cunha dupla condición: investigada e tamén prexudicada por un presunto delito de acoso sexual.
Unha vez escoitadas ambas partes -a muller acolleuse ao dereito a non responder as preguntas da Fiscalía e do avogado de Baltar- resta coñecer os próximos movementos da xuíza nun caso que para o representante legal do barón do PP responde unicamente a motivacións políticas. Dende que o caso e as gravacións que o sustentan fosen publicadas en exclusiva por eldiario.es o dirixente popular mantivo que este é un caso que cómpre circunscribir unicamente á esfera "persoal" e ante o que exercería "accións legais", sen que polo momento fosen concretasen.
O avogado de Baltar reclamou a nulidade da causa e a exclusión de Democracia Ourensana como acusación popular; ambas peticións foron rexeitadas
Quen si considerou ata o momento que existen motivos para seguir adiante é a xuíza. Despois de que a Fiscalía recorrese a imputación do político a maxistrada emitiu un auto no que estendeu a súa investigación de "xaneiro de 2010 a finais de 2012", isto é, cando José Manuel Baltar xa substituíra ao seu pai tanto na presidencia do PP de Ourense como á fronte da Deputación provincial. Neste escrito a xuíza reiterou que o feito de que a muller non chegase a obter o posto de traballo prometido non implica, necesariamente, que Baltar non cometese un delito. "Calquera acto que tendese a facilitar a obtención dun traballo" pasando por riba dos procesos selectivos da Deputacións, indicaba, implicaría quebrantar o ordenamento legal.
A maxistrada decidiu ademais abrir a porta á investigación por acoso tras aceptar unha alegación da denunciante e investigada. Para facelo a xuíza argumentou que a relación da muller co político non era unicamente persoal, senón que ela exerceu o seu traballo na "oficina" do PP de Ourense na que Baltar era o "xefe", ademais de "parlamentario galego" e vicepresidente da Cámara galega. Existiría, polo tanto, unha relación de superioridade na que cabería a comisión do delito no que agora se indaga.