Ana Pontón (Sarria, 1977) púxose hai apenas un mes á fronte do BNG no que, posiblemente, sexa o transo máis crítico para a formación dende o seu nacemento. Cunha intensísima axenda dende o minuto cero do seu labor como portavoz nacional, Pontón asume que cómpre "maior dedicación" tanto para o proceso de "refundación" como para afrontar as vindeiras eleccións galegas, tras as que non desbota un cambio de goberno no que o Bloque poida colaborar. Unha vez que a Asemblea Nacional desbotou as alianzas co espazo político das mareas a líder do Bloque coida que un dos retos máis inmediatos é recuperar o traballo político de persoas que seguen a apostar polo soberanismo pero que nos últimos deixaron de ter o BNG como referente. "Sigo crendo que fortalecer o nacionaismo segue sendo fundamentar para termos unha Galiza na que non haxa que falar de emigración, precariedade e espolio da riqueza do país", di.
Cando saíu elixida moitos titulares destacaron que era a primeira muller e a primeira militante da UPG en chegar á portavocía nacional do BNG. Cal dos dous trazos é máis relevante?
Coido que é máis relevante que o BNG apostase por unha portavoz nacional, e ao mesmo desvela que hai moita desigualdade. Porque teremos igualdade cando non sexa noticia que unha muller chega a un sitio. E sobre a UPG, interesa moito a demonización, pero eu aspiro a que na política, como na vida, se xulgue a cada persoa polo que é e non polo que os demais digan.
"Interesa moito a demonización sobre a UPG, pero eu aspiro a que se xulgue a cada persoa polo que é, non polo que os demais digan"
No entanto, unha das críticas que se escoitou durante o proceso de debate dos relatorios da Asemblea é que a UPG ten excesivo peso, que é a que controla...
O BNG é unha organización frontista, onde todas as persoas e colectivos teñen dereito a expresarse. É bo lembrar que o BNG é unha organización de afiliación individual e a máis democrática do Estado. E non só o digo eu, algún estudo feito por politólogos e sociólogos así o acredita. Hai críticas que non teñen fundamento; toda a militancia ten o mesmo peso, nas asembleas hai debates de ideas e en democracia hai que aceptar os resultados.
Como cre que percibe a cidadanía as baixas de persoas que tiveron responsabilidades de primeira liña política do BNG en etapas anteriores?
Iso nunca vai ser positivo. En todo caso, a cidadanía xulgará. A min non me parece positivo que ninguén abandone o BNG, que é unha organización coas portas abertas para todos os nacionalistas para seguir construíndo unha alternativa de futuro. Ademais, agora iniciamos un proceso de refundación con vocación de apertura e de incorporar máis persoas. Eu teño que respectar as decisións individuais de cadaquén coa súa militancia, pero algúns dos argumentos que se utilizarón non teñen que ver coa realidade.
A respecto desa refundación, vostede mesma indicou no seu discurso ante a Asemblea que terán que combinala co proceso electoral por mor do axustado das datas. Como o van facer?
Entendemos que unha organización política ten que combinar os seus ritmos cos da sociedade, e o proceso electoral é unha prioridade porque nos xogamos moito como país. Estamos facendo un calendario que permita compatibilizar a refundación coas eleccións. O proceso de refundación farémolo por fases: no primeiro momento, que é no que estamos agora, daremos un debate entre toda a organización e toda a base social sobre como entendemos a refundación no concreto e no práctico. Un proceso destas características debe darse escoitándonos primeiro, chegando a consensos amplos.
Pode haber quen non estea na vida orgánica do Bloque e se pregunte: que vai notar a cidadanía, que vai ser o BNG tras esa refundación que non é hoxe?
"Calquera proxecto político precisa organizacións fortes; senón acaba sendo un 'bluf' e provocando frustración"
Xa tomamos algunhas decisións importantes na Asemblea. Por exemplo en canto á participación, deicdimos que as asembleas locais deben ser abertas e os simpatizantes deben poder participar nesa vida local. Imos facer unha relectura do que está sucedendo na sociedade galega, unha actualización das nosas alternativas e, cara ao final do proceso, un debate sobre o modelo organizativo do nacionalismo. Imos ter que ver a capacidade de actualizar o discurso e de incorporar persoas e colectivos que participan da vida política cunha base máis local para fortalecer o BNG. Calquera proxecto político precisa organizacións fortes; a historia amósanos que moitos movementos puideron ter éxitos momentáneos no social e no electoral, pero sen unha base sólida dende o punto de vista organizativo, político e ideolóxico iso acaba sendo un 'bluf' e provocando frustración na sociedade.
Desas incorporacións falan tamén cara ao proceso electoral. Para que pode servir a experiencia adquirida con NÓS-Candidatura Galega? Que elementos aproveitarán e que outros corrixirán?
O resultado de NÓS-Candidatura Galega non foi imputable ao proceso de diálogo que se abriu. Para nós é moi beneficiosa a incorporación de colectivos, persoas que traballan a nivel local... Tivemos capacidade de reilusionar a persoas que estiveran nalgún momento participando no nacionalismo e que volveron con NÓS. Sobre esa base estamos dialogando, queremos seguir sumando. En todo caso, tamén temos que facer un debate con todas as organizacións sobre cal debe ser a fórmula de concorrencia, cal debe ser o papel das organizacións políticas, a visibilidade das diferentes marcas e que é o máis positivo para darlle á sociedade claridade sobre o proxecto que presentamos.
"Teremos un debate sobre a fórmula de concorrencia, o papel das organizacións políticas e a visibilidade das súas marcas"
Nese sentido, na propia asemblea nacional houbo debate sobre se foi beneficioso ou non que nas xerais non estivesen presentes as siglas do BNG. Como o ve cara ás eleccións galegas?
Houbo unha decisión que eu compartín no seu momento, un exercicio de xenerosidade e innovación a través dunha nova candidatura. Ese é un debate que temos que dar cara ás eleccións galegas, porque si que é certo que puido despistar a unha parte da nosa base social. Pero o resultado non ía ser substancialmente diferente. O que temos que analizar é que ofrece maior claridade e maior perspectiva de futuro á base social do nacionalismo. E o importante, en todo caso, son as nosas alternativas políticas, facendo evidente que o nacionalismo ten moito que dicir para labrar un futuro alternativo para Galiza. É evidente que o modelo de afastamento dos centros de decisión está a desangrar o país e se cuestionamos o marco neoliberal, o nacionalismo é a alternativa de futuro para Galiza.
Terán que artellar unha candidatura, pero tamén fiar un programa electoral. Como o van facer, tendo en conta que o horizonte electoral é incerto?
No pasado Consello Nacional acordamos activar a definición de candidaturas e do programa electoral. Imos ir elaborando textos e propoñendo prazos para a elección de candidaturas que se acompasará co proceso de diálogo que abrimos e que terá que ser rápido, sobre todo se nos convocan as eleccións en xuño.
Canto cre que debe pesar nese proceso o horizonte dun posible cambio de Goberno? Non é o mesmo afrontar unhas eleccións para reconfigurar a oposición que ante unha expectativa de cambio no Executivo...
"O que nos ocupa é que o BNG teña unha posición determinante na derrota do PP"
Para nós todas as eleccións son importantes e afrontámolas co reto de conseguir maior apoio social. É evidente que unha maioría social cuestiona ao PP e que as propias dúbidas que expresa o señor Feijóo son indicativas de como hai unha ruptura da maioría do PP. A nós, como nacionalistas, o que nos preocupa e ocupa é que o BNG teña unha posición determinante na derrota do PP para que esta signifique un cambio político real.
Vese como candidata a esas eleccións? A Asemblea eliminou a incompatibilidade entre a portavocía nacional e a candidatura...
Neste momento estamos traballando en poñer en marcha a nova dirección e os acordos da asemblea. Cando se abra o debate sobre a elección da candidatura será o momento de pensalo. Afortunadamente, o BNG é unha organización con moita xente valiosa, con canteira, e estou segura de que teremos un debate vivo sobre quen é a mellor persoa. En política a asunción de responsabilidades dese tipo non son decisións persoais, senón que teñen que responder ao mellor para o proxecto político e para que o nacionalismo avance.
Cal é a súa disposición ao diálogo co resto de forzas da esquerda parlamentaria, tendo en conta que as enquisas e a historia nos din que a alternativa ao PP é plural?
"Se se verifica a ruptura da maioría do PP, todas as forzas que agora estamos na oposición teríamos que ter vontade para dialogar e cambiar realmente as políticas"
O diálogo é parte do ADN do BNG. Nas eleccións temos que facer un diálogo entre todas as persoas e organizacións do ámbito nacionalista, con centro de decisión en Galiza. E despois das eleccións, se se verifica a ruptura da maioría do PP, todas as forzas que estamos na oposición teríamos que ter vontade para dialogar e poñer en marcha un goberno alternativo, que non sexa só alternancia senón que realmente cambie as políticas e o papel de Galiza no Estado.
Axudan ou dificultan as relacións do BNG cos gobernos municipais das mareas cara a ese eventual diálogo?
Nós temos unha relación a respecto dos gobernos das mareas na que botamos en falta que se practique o diálogo que predican. Nós fomos xenerosos cun apoio sen condicións ao cambio a nivel municipal e hai que dicir que non houbo a mesma correspondencia no caso de Pontevedra. En todo caso, o importante é situarse no espazo das eleccións autonómicas, e se a sociedade vota por un cambio, o BNG vai ter disposición a falar co resto de forzas políticas sobre un cambio real para que a xente deixe de emigrar, polos servizos públicos... Sobre esa base sempre imos estar abertas e abertos ao diálogo, ao acordo.
Aínda que xa pasaron dez anos dende o seu inicio e sete dende o seu remate, canto podería pesar a sombra do bipartito nun posible panorama de cambio?
A dereita fixo unha lectura moi demoledora do bipartito...
E impuxo o relato?
"Teño a certeza de que o BNG foi o elemento de cambio real no bipartito"
Si, e impuxo o relato. Eu non merco ese discurso, aínda que crea que o bipartito cometeu erros. Teño a certeza de que o BNG foi o elemento de cambio real do Goberno bipartito, só hai que ver o que desmontou o PP. Este é un elemento sobre o que moitas persoas deberían reflexionar se queren cabiar por un cambio real na Xunta: se queremos que o vento volva ser das galegas e galegos, se queremos poñer a producir o noso agro, o Banco de Terras, dignificar a lingua e a cultura, apostar polos servizos públicos... Aínda que houbese aspectos moi mellorables, e por exemplo no ámbito simbólico puidéronse facer cousas moito mellor, se se ve o que desmontou o PP verase que quen marcou a diferenza foi o BNG. E iso ten que pesar en positivo cara ao futuro.