O BNG apoia a ERC para reclamar a autodeterminación en Bruxelas

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

ERC, co apoio doutros grupos, levará a Bruxelas unha proposición de lei sobre o dereito de autoderminación dos pobos se finalmente non sae adiante no Congreso. A formación catalá xa presentou onte nas institucións comunitarias o documento, apoiado pola europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, que foi quen recibiu en Bruxelas o republicano Alfred Bosch como representante da Alianza Libre Europea (ALE), da que é voceira e na que están integrados tanto o Bloque como Esquerra.

“Solicitaremos unha xuntanza co presidente da Comisión, José Manuel Durao Barroso, para presentarlle esta proposición de lei sobre a libre determinación dos pobos”, explicou Ana Miranda, que defenderá tamén a iniciativa, que se fará a través de ALE, grupo do que é voceira. “A competencia neste caso é do Estado, pero a intención é ir presentando a iniciativa a nivel europeo”, explica a europarlamentaria do BNG, que aclara que xa mantiveron reunións con membros do PNV, grupos galeses, escoceses, corsos “e incluso un deputado do Partido Popular Europeo pertencente á minoría húngara de Romanía”.

"A proposta é coincidente cos principios do BNG"

A proposición, que será presentada no Congreso dos Deputados e  que foi onte adiantada “de xeito simbólico” no Parlamento Europeo é “coincidente cos principios do BNG”, aínda que aínda non foi debatida na fronte. “O Bloque apoia todo o que sexa a defensa da libre decisión dun pobo sobre o seu futuro político”, advirte Miranda, que confía en que a proposición se comece a tramitar no Congreso a finais do verán.

O voceiro de ERC no Congreso, Alfred Bosch, xa advertiu de que se fracasa a vía "bilateral" e de "diálogo" no ámbito español, a súa formación pensará nas "instancias europeas" e na opción "unilateral" para buscar a independencia de Catalunya. "Viñemos a Bruxelas porque a xente ten que ter dereito a decidir o que quere para o seu país, pero, sobre todo, porque cremos que este tema acabará en instancias europeas", subliñou.

ERC levará a proposta á UE "se fracasa a vía bilateral e de diálogo" no Estado

A iniciativa é perfectamente viable para Bosch porque, aínda que haxa partidos "dinásticos" que non dean o seu apoio, existen "tratados internacionais de obrigado cumprimento, subscritos por España, que recoñecen este dereito". O deputado catalán defende esta iniciativa en tempos de crises xa que "precisamente é onde se xeran as oportunidades".

"Estamos diante dunha crise de época, de sistema, como puido ser a do desastre de Cuba ou a Guerra Civil e, como naquela época, debemos reformularnos se é este o sistema que queremos", sinalou. Bosch recibiu tamén o apoio dos eurodeputados de Convergéncia i Unió (CiU), Ramon Tremosa, e de Iniciativa per Catalunya Verds (ICV), Raül Romeva. Ademais, tamén recibiu o apoio de Amaiur.

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.