Feijóo abre a porta a deixar a política galega se non logra maioría absoluta

Feijóo, no acto no que anunciou que recunca como candidato CC-BY-SA PPdeG

Pouco despois de que o PP lograse a súa segunda maioría absoluta consecutiva nas eleccións galegas de 2012, aumentando 3 escanos, de 38 a 41, malia perder uns 130.000 votos a respecto da convocatoria anterior, rexurdiron os ruxerruxes en torno ao futuro político de Alberto Núñez Feijóo fóra da política galega. A nova vitoria volvíao situar como valor emerxente e garantía de triunfos electorais no PP nun contexto alleo a escándalos como o caso Gürtel ou a 'caixa B' reflectida nos papeis de Bárcenas. Ese mesmo interrogante volve estar agora sobre a mesa, unha vez confirmado que Feijóo recuncará como candidato do PPdeG. Seguirá Feijóo en Galicia alén de 2016? A porta de saída semella aberta, cando menos, se non logra repetir a maioría absoluta.

A publicación no diario El País en marzo de 2013 das imaxes navegando co narco Marcial Dorado pola ría de Arousa en 1995, cando o actual presidente dirixía o Sergas, frearon de súpeto un salto a Madrid que semellaba só cuestión de tempo. Tres anos despois daquel episodio a Feijóo vólveselle preguntar se tentará o paso á política estatal no caso de lograr unha terceira absoluta. Nunha das múltiples entrevistas que concedeu dende o sábado, ao programa Espejo Público de Antena 3, o líder do PPdeG nega que vaia emular a Alberto Ruiz-Gallardón, cambiando un posto por outro pouco despois de gañar as eleccións. Outra cousa, vén dicir, é se non logra gobernar.

"Se son presidente con maioría absoluta, o meu proxecto seguirá sendo Galicia ata 2020"

"Eu pódolle asegurar que, se gaño as eleccións en outubro de 2016, se son presidente con maioría absoluta, o meu proxecto político seguirá sendo Galicia ata 2020". Así o "cumpriu" en 2009 e 2012, evidencia, e "tentarei cumprilo ata 2020". "Se os galegos queren, o primeiro que está á súa disposición é un servidor", polo que "se os galegos deciden que siga, eu seguirei". No entanto, "se consideran que non debo seguir en política, xa non é unha decisión miña", di, semellando suxerir que non entra nos seus plans liderar a oposición a un eventual goberno de esquerdas.

Feijóo: "Non é doado cambiar as rías galegas pola Meseta nin a gastronomía galega por outras"

Neste contexto, Feijóo asegura afrontar as novas eleccións xa non "como un militante do PP", senón "como un militante de Galicia". "Xa non é só un partido, un séntese parte desta terra" e por iso, afirma que foi decisión súa non optar a sentar no Congreso dos Deputados. "Non é doado cambiar as rías galegas pola Meseta nin cambiar a gastronomía galega por outras". Non obstante, agrega xusto a continuación, isto é compatible co feito de sentirse "profundamente español". "Interésame moito o que pasa en España, porque son o representante ordinario do Goberno español en Galicia", sinala.

PSdeG, En Marea e BNG

Mentres numerosas voces do PPdeG seguen a eloxiar a decisión de Feijóo -este luns as gabanzas chegaron por parte de Ana Pastor, José Manuel Baltar e Pedro Puy-, nas forzas da actual oposición mantense que a permanencia do presidente á fronte dos conservadores non impedirá o seu desaloxo do poder e, ao tempo, continúan as cábalas a respecto de quen encabezarán as diversas candidaturas. Neste sentido, este domingo a presidenta da xestora que rexe o PSdeG dende a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, Pilar Cancela, matizou as súas verbas de días atrás para admitir, nunha entrevista na Cadena SER, que estaría disposta a optar á candidatura se así llo solicitase o partido.

Noriega: "Todo o que sexa avanzar en alternativas e cadros de goberno é positivo"

Tamén continúan as reaccións dende o espazo político das mareas, que a través do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e da deputada no Congreso Yolanda Díaz manifesta a súa satisfacción por ter a oportunidade de "vencer a un proxecto polítido do PP liderado por Feijóo". "Dende o respecto", di Noriega, as "dúbidas" manifestadas por Feijóo durante semanas responden "ao feito de que non lle dan os números" para seguir gobernando. Nesta conxuntura o rexedor compostelán coida que "a marea" ten "unha responsabilidade grande, porque é o único que está en posición de disputarlle a hexemonía ao PP", polo que "todo o que sexa avanzar en cuestións programáticas alternativas de goberno e cadros, é positivo".

Pontón: "Temos moi claro que o inimigo político, o adversario a derrotar é o PP e os seus recortes"

Dende o BNG, pola súa banda, a portavoz nacional, Ana Pontón, advirte que afronta o proceso tendo "moi claro que o inimigo político, o adversario a derrotar é o PP e as súas políticas de recortes". Aínda que o PP reitera que as eleccións serán en outubro o Bloque "traballa claramente coa hipótese dun adianto electoral do PP ao 26 de xuño" por mor dunha posibile repetición das xerais. Así, o Consello Nacional da vindeira fin de semana aprobará "o cronograma para a elección do candidatou ou candidata á Presidencia por parte da militancia". A respecto de se ela será quen ocupe o posto, Pontón insta a "deixar que o BNG abra o proceso antes de falar de candidatarse".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.