As tres candidaturas a liderar Podemos-Galicia apostan pola confluencia nas eleccións galegas

Un intre do debate dos candidatos de Podemos, na TVG Dominio Público Praza Pública

Moitas diferenzas e aínda máis matices pero, cando menos, unha coincidencia. As tres candidaturas ás primarias de Podemos-Galicia apostan no primeiro día de campaña interna pola confluencia con outras forzas cara ás eleccións galegas. Así o manifestaron as persoas que as encabezan no seu primeiro debate público, se ben Ángela Rodríguez, Carmen Santos e Breogán Riobóo advirten de que será a militancia do partido a que decida, en última instancia, se integrarse de novo no espazo das mareas e o xeito en que o farán.

As candidatas e candidato compartiron mesa no programa Área Pública da TVG, un encontro tenso por veces no que o aspirante a recuncar na secretaría xeral non evitou os reproches cara a Rodríguez e Santos: "eticamente", di, deberan retirar as súas candidaturas, toda vez que ao seu xuízo a dirección que encabezou foi disolta sen ter en conta os estatutos da organización. No entanto, ao seren cuestionados pola fórmula de concorrencia, a coincidencia é maior, aínda que só sexa a cadanseu nivel "persoal".

Riobóo "votaría si" á confluencia "coas candidaturas de unidade popular e movementos sociais"

"Para falarlle claramente á xente", di Riobóo, o documento político da súa candidatura inclúe xa "as preguntas" que formularía a dirección nese referendo interno. "Eu votaría si" á confluencia e a que esta se realice "coas candidaturas de unidade popular e movementos sociais" e non unicamente con partidos, ao xeito de En Marea, di. Neste sentido, Ángela Rodríguez subliña que, alén de que "a fórmula electoral a van decidir as inscritas e inscritos", semella "obvio" que "o proceso de Mareas en Común", impulsado dende comezos de ano por plataformas municipais como a Marea Atlántica, "vai ser onde se conforme a a alternativa ao PP".

Ángela Rodríguez ve "obvio" que "o proceso de Mareas en Común" vai conformar "a alternativa ao PP"

Tamén Carmen Santos afirma que a súa opción sería a "unidade da esquerda" e por "que se amplíe En Marea", se ben discrepa de Mareas en Común e da propia Marea Atlántica, aludida por Riobóo, como referencia para o proceso ao Parlamento de Galicia. Mentres que o ata agora secretario xeral cre que "o proceso verdadeiramente ilusionante para a xente" foi o da plataforma gobernante na Coruña, Santos afirma que "o verdadeiro desborde e ilusión vino en Vigo despois das europeas" e tamén na campaña das xerais, onde "arrasamos ao PP".

Carmen Santos concorda con "ampliar En Marea", pero cre que a iniciativa das mareas municipais suporía "reiniciar" o proceso

Dende o seu punto de vista, asumir o guieiro das Mareas en Común "dicindo que é o espazo perfecto e marabilloso" suporía "reiniciar" as fórmulas de "unidade popular". Para Ángela Rodríguez, a postura de Santos amosa un aquel de "localismo".

A acumulación de cargos orgánicos e institucionais ou o xeito de conformar os órganos de dirección foron outras fontes de discrepancia nun debate que supón o inicio dunha campaña que se estenderá ata o vindeiro día 10. Dous días antes, o 8 de abril, comezarán as votacións, cuxos resultados serán públicos o día 12.

Riobóo, Santos e Rodríguez, antes do debate © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.