Ana Pastor multiplica os seus eventos en Galicia mentres se nega a comparecer no Congreso

Pastor e outros cargos do PP, nun dos actos das últimas semanas en Galicia © Ministerio de Fomento

Se é luns de 2016, é altamente probable que a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, protagonice un acto en Galicia sobre logros do seu departamento. Así sucedeu tres dos catro luns de marzo, o primeiro luns de abril e algún máis dende que comezou o ano, xa co Goberno de España a medio gas á espera da formación dun novo Executivo por parte do Congreso. Pastor multiplica as visitas e presentacións en territorio galego mentres, no entanto, se nega a comparecer ante ese lexislativo xurdido das eleccións do Congreso, unha insubmisión iniciada polo titular de Defensa, Pedro Morenés, que este martes lle correspondeu escenificar á tamén deputada por Pontevedra.

Pastor tiña ata nove citas coa Comisión de Fomento do Congreso, tantas como solicitudes de comparecencia formuladas polos grupos sobre temas tan diversos como a política xeral de infraestruturas, as deficiencias nas cercanías catalás ou as presuntas implicacións de cargos do seu Ministerio na trama Gürtel. Pero Pastor, como antes Morenés, deixou a súa cadeira baleira, o que para os grupos, un "silencio" que foi lamentado dende En Marea e tamén dende o PSOE, que ve na actitude da ministra en funcións un "desprezo" ao lexislativo, máis aínda, di o socialista Juan Luis Gordo, porque a "insubmisión" se produce mentres Pastor "está en precampaña".

O PSOE censura que a ministra practique a "insubmisión" mentres "está en precampaña"

Precampaña ou non, o certo é que só en Galicia os anuncios de futuros investimentos e presentacións sobre obras xa realizadas son unha constante nos devanditos actos dos luns, en diversas ocasións cadraron con actos de partido na fin de semana previa. Sucedeu esta semana, cando a popular visitou o centro de conservación de estradas en Vilaboa e lembrou que o Goberno central destinou máis de 70 millóns á rede viaria de Pontevedra dende 2012. Na mesma xornada, glosou ante a prensa en Vigo que Feijóo recunca como candidato e garantiu a conclusión da liña de AVE a Madrid en 2018 malia ao improbable que resulta xa a finalización dos accesos a Ourense para esa data.

O anterior luns, 28 de marzo, a ministra falou novamente de trens rápidos na provincia de Pontevedra. Foi co gallo da distinción do viaduto do Ulla co premio de arquitectura San Telmo, acto no que a conservadora detallou a "convicción e determinación" que, dende o seu cargo, exerceu para "dotar a Galicia das infraestruturas que necesita para continuar crecendo e prosperando". Nun ton semellante expresárase unha semana antes durante unha visita a estradas afectadas polas obras do AVE na provincia de Ourense, na que lles garantiu a súa reparación aos alcaldes da zona antes de realizar un percorrido oficial polo mosteiro de Melón e anunciar obras no recinto.

Os luns das últimas semanas Pastor adoita protagonizar actos en Galicia nos que anuncia ou repasa investimentos do seu departamento

De investimentos en Galicia falouse igualmente na cita do luns anterior, naquela ocasión en Vigo, a onde Pastor acudiu para acompañar a titular de Emprego en funcións, Fátima Báñez, á colocación da primeira pedra da futura sede da Seguridade Social na cidade olívica, un acto ritual que tornou en discusión pública entre as ministras e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tal e como recolleu Vigoé. Tres días despois desa primeira pedra Pastor volveu a Vigo para participar na presentación do proxecto Blue Growth do Porto e repasar achegas do Ministerio a Galicia no ámbito marítimo.

O balance de Salvamento Marítimo no aeroporto da Coruña, o 18 de xaneiro, outra visita ás obras do AVE en Ourense, o día 25 do mesmo mes, ou unha gala sobre deporte en Marín, o día 29, formaron tamén parte dunha axenda que se intensificou en febreiro. Así, o día 20 percorreu zonas afectadas polo temporal en redondela, o luns 22 presentou un acordo entre Salvamento Marítimo e a Autoridade Portuaria de Ferrol e visitou as obras dos accesos a Punta Langosteira, o día 26 inaugurou unha pasarela entre o aeroporto de Peinador e o Instituto Feiral de Vigo e o luns seguinte recibiu en Madrid ao alcalde da Coruña para abordar proxectos pendentes na cidade.

A cadeira baleira de Pastor, este martes no Congreso © PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.